Patrimonio que esmorece: un intento por salvar os frescos dos Vilares

A asociación Lareira de Soños reunirase con políticos locais e provinciais para lembrarlles o compromiso de restaurar as pinturas, en perigo de desaparición.

Frescos de Vilares
Frescos dos Vilares.

Os gobernos cambian, pero o patrimonio -e as súas necesidades- permanecen. Iso deben pensar na Asociación Socio-Cultural Lareira de soños dos Vilares. O colectivo pretende reunirse coas novas corporacións da Deputación de Lugo e do Concello de Guitiriz para lembrarlles o compromiso de restaurar as pinturas murais do século XVI.

A comisión de cultura do Parlamento Galego acordara en decembro de 2017 que a Xunta, a Deputación, o Concello e a Diócese de Mondoñedo-Ferrol deberían convir a fórmula definitiva para acometer as melloras nos frescos dos Vilares.

Con iso baixo do brazo, a Lareira solicitará reunirse coa alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e cos novos responsables da área de Cultura da Deputación Provincial. O seu obxectivo, din, é tratar de recuperar unhas pinturas “tan importantes” e sacalas da “lista vermella do patrimonio do estado”  logo de repetidas demandas de solución por parte do colectivo.

Unha vez que o proxecto xa está redactado por encargo de Patrimonio da Xunta de Galicia, a contratación dos traballos depende unicamente de decisións políticas. Polo tanto, dende Lareira de soños insistirán nas súas queixas para frear o “paulatino deterioro” dos frescos e poñerlle remedio antes da súa desaparición definitiva. Así mesmo, pasados os diferentes procesos electorais, solicitarán novamente a Patrimonio retomar os contactos co resto de institucións e trasladarán a situación ata o mesmo Parlamento Europeo.
UNHAS PINTURAS ÚNICAS
Os frescos da igrexa de San Vicenzo dos Vilares constitúen unha serie de catro pinturas de grande valor, das cales unha delas – imposición da casulla de San Ildefonso- é a única con esa temática en toda Galicia. 
Desde o seu descubrimento en 1991, os frescos foron deteriorándose ata o punto de estar baixo perigo de desaparición pola falta de actuacións que garantan o seu mantemento ou polas rozaduras dos bancos, as humidades e outras causas ambientais. Tanto é así que foron incluído nas listas vermellas do patrimonio de Galicia e do Estado, tal como explican dende a asociación.
#SALVEMOSOSFRESCOSDOSVILARES
Ante esta situación, a asociación Lareira de Soños botou a andar unha campaña para poñer en valor a importancia destas pinturas. Spots, paneis informaticos, dípticos… son algunhas das iniciativas que levaron a cabo, sen demasiado éxito. Por iso agora centrarán os seus esforzos na busca dun compromiso real por parte dos políticos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here