InicioMedioambiente e PatrimonioAntibióticos e outros fármacos contaminan os bebedoiros das granxas da provincia de...

Antibióticos e outros fármacos contaminan os bebedoiros das granxas da provincia de Lugo

Científicos da Universidade de Santiago seguen o rastro de restos de medicamentos nos bebedoiros de 118 granxas galegas. Os antibióticos son as substancias con maior presenza e supoñen un potencial perigo, polo aumento da resistencia bacteriana a estes fármacos.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Científicos do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Santiago de Compostela seguiron o rastro dos fármacos no gando de Galicia e nas fontes de auga das que se serve, prestando especial atención aos antimicrobianos, que foron os compostos con maior impacto nos bebedoiros das vacas galegas.

O obxectivo desta investigación foi investigar a posible inxesta de 19 produtos farmacéuticos provenientes da auga de bebedoiros nas granxas leiteiras da provincia de Lugo, con 122 mostras obtidas de 118 granxas (a orixe da auga analizada proveu de pozos ou fontes municipais).

O estudo revelou a presenza de 16 tipos distintos de fármacos no 41% das mostras analizadasCando menos, un medicamento foi detectado en 50 mostras de auga. Neste sentido, os científicos lembran que “proporcionar auga de calidade é esencial para o bo funcionamento dunha granxa leiteira, xa que a auga se utiliza para limpar as instalacións e, o que é máis importante, para o consumo dos animais”.

Os compostos antimicrobianos foron os que se detectaron con maior frecuencia, en particular o trimetoprim, que presentou a maior frecuencia de detección na auga. Por outro lado, o antibiótico sulfametazina foi o produto farmacéutico consumido en maior cantidade polas vacas galegas. O trimetoprim é un antibiótico que acostuma administrarse con sulfonamidas polo seu efecto sinérxico, producindo unha actividade antibacteriana máxima.

En España, segundo o estudo, “para a medicina humana, a dose diaria definida para mil habitantes das sulfonamidas e a trimetoprima é de 0,24”. “Con todo, a frecuencia de detección neste proxecto de investigación foi maior para as sulfonamidas; este grupo foi o que se detectou con maior frecuencia, sendo o 27% das mostras a  sulfadiazina”.

Na investigación tamén se detectaron dous ou máis medicamentos no 15% das mostras de auga, chegando a atopar mesturas de cinco medicamentos en tres mostras. Estimouse, ademais, que as vacas leiteiras poderían consumir unha media de 30 microgramos de antimicrobianos.

Na opinión dos autores deste estudo, “esta concentración é demasiado baixa para ter un efecto directo no leite producido ou na cadea alimentaria; con todo, podería ter un efecto na microbiota das vacas ou influír no desenvolvemento e diseminación de bacterias resistentes” (a microbiota é o conxunto de microorganismos que se atopan xeralmente asociados a tecidos sans do corpo humano).

Por outro lado, os resultados microbiolóxicos indican que a auga analizada “non era ideal para o consumo humano”. Das 53 mostras analizadas, o 66% foron positivas para coliformes totais (os coliformes, xeralmente, considéranse un marcador de contaminación fecal e están involucrados en enfermidades graves en vacas leiteiras).

“Por tanto, a presenza combinada de  coliformes e residuos antimicrobianos na auga podería ser un risco adicional para as vacas, debido á diseminación de axentes infecciosos con maior resistencia antimicrobiana”, detállase no estudo.

Os científicos alertan de que “o consumo continuo de  antimicrobianos, mesmo a niveis moi baixos, pode alterar a microbiota das vacas co desenvolvemento de resistencias bacterianas”.

Máis información en Galicia Confidencial.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...