Dous investigados na provincia de Lugo por incendios forestais debidos a imprudencias graves

O lume avanza neste Incendio forestal / EFE

A Garda Civil investigou a dous veciños dos municipios lucenses de O Saviñao e A Pastoriza por senllos incendios forestais na provincia de Lugo debidos a unha imprudencia grave nunha queima de residuos e a outra imprudencia grave nos labores de talla de árbores, respectivamente. Así, imputa en calidade de investigado na localidade do Saviñao, a un veciño de 42 anos de idade como presunto autor dun delito de incendio forestal.

Tras a comisión dun lume forestal o pasado mes de abril no lugar de Licín no Saviñao, axentes do equipo de investigación de incendios da Garda Civil iniciaron unha investigación que, tras un informe técnico de causas e motivacións, “conclúe que o lume se iniciou por unha imprudencia grave na queima de residuos forestais“.

Mentres, imputa en calidade de investigado na localidade da Pastoriza a un cidadán portugués de 42 anos como presunto autor dun delito de incendio forestal. O pasado mes de marzo iniciouse un incendio forestal no lugar de Lousadela-Ferreira de Pallares no municipio de Guntín (Lugo), debido ao que levou a cabo unha investigación dos axentes do (EMIIF) da Garda Civil que concluíu coa existencia dunha imprudencia grave nos labores de talla de árbores.

Iso, relatan as mesmas fontes, derivou na caída dun bidueiro sobre un dos cables do fluído eléctrico, o que provocou a rotura do mesmo e a posterior propagación do lume ao contacto deste coa vexetación herbácea e arbustiva presente na área de inicio delimitada.

As persoas investigadas foron postas a disposición xudicial, sinalaron as mesmas fontes da Benemérita.