O alcalde de Portomarín denuncia que o baleirado do encoro “afea” o concello

Juan Serrano sinalou que "a lámina de auga permite facer vida ao redor do encoro", pero a súa situación actual levou que "case non se puidese celebrar" o campionato nacional de piragüismo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano. XUNTA/ ANA VARELA

O alcalde de Portomarín, Juan Serrano, pediu un “marco” que “compatibilice” o aproveitamento hidroeléctrico do encoro de Belesar con outras actividades e lamentou o baleirado por parte das empresas eléctricas, xa que “afea a imaxe” da localidade.

Serrano apuntou este luns que, polo xeral, na produción eléctrica o “concepto” que se ten dos encoros é o de “pilas de enerxía” dado que representan “a única forma de que a produción se poida almacenar para a xestión da demanda”.

Con todo, considerou que o baleirado do encoro “afea a imaxe” de Portomarín. Así, sinalou que “a lámina de auga permite facer vida ao redor do encoro”, pero a súa situación actual levou que “case non se puidese celebrar” o campionato nacional de piragüismo debido a que se programou “en base á media do encoro do últimos dez anos”, cunha capacidade en xuño do 80%.

Serrano admitiu que a presa rexistrou niveis de auga similares ao actual, “pero non tanto tempo”, e achacou esta situación a “unha decisión que tomaron as eléctricas coincidindo cos prezos altos a finais de marzo”. “Hai unha curva descontinua dos últimos 10 anos e aí apréciase como a finais de marzo a curva deste ano, aínda sendo un ano de moita auga, pegou un baixón importante, coma se fose un ‘crac’ da bolsa”, apuntou.

Precisamente, o rexedor puntualizou que el mesmo realizou unha comparativa cos encoros cataláns, que mostra “un 20% menos de auga embalsada” nesa comunidade. En función diso, deduciu que “moitas eléctricas teñen a dirección en Cataluña” e desenvolven “unha política ambiental diferente” segundo “sexa territorio catalán ou galego”, o que, na súa opinión, “non se pode consentir”.

Así mesmo, Serrano indicou que o seu “obxectivo” é “recuperar algún día o Miño e o asentamento antigo de Portomarín”, que agora queda á vista tras o baleirado. “En tanto non sexa posible, ten que haber un marco que compatibilice a lámina de auga, para que podamos desenvolver actividades, e que eles (as eléctricas) poidan ter aproveitamento hidroeléctrico“, defendeu. Así, insistiu en que esta formulación é “xusto” porque “a concesión é de hai 60 anos, da época de Franco”, e, desde entón, “calquera tivo que cambiar moitas cousas”.