Só dous concellos do centro de Lugo reciben axudas a prol do galego

Dez municipios lucenses recibirán en conxunto 23.000 dos 245.000 euros do programa de promoción do uso do galego da Xunta

Outeiro de Rei escenario do Convivio da Cultura Galega, é un dos dez concellos da provincia que recibirá axudas para a promoción do galego | A Mesa Pola Normalización Lingüística
Outeiro de Rei escenario do Convivio da Cultura Galega, é un dos dez concellos da provincia que recibirá axudas para a promoción do galego | A Mesa Pola Normalización Lingüística

As axudas a entidades locais para a promoción do uso do galego na provincia de Lugo acadarán dez concellos, cunha achega de preto de 23.000 euros. O programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia deste xeito os servizos lingüísticos e a dinamización social da lingua en municipios con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes, ou mediante o agrupamento de concellos que non alcancen esta cifra.

O importe total da convocatoria é de 245.000 euros. Así, os concellos da provincia reciben o 9,38 por cento do total, cando supoñen o 12,37 por cento da poboación de Galicia. E unicamente dous concellos do centro de Lugo terán acceso a estas subvencións, que podían solicitarse ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 16 de marzo de 2018. 

Esta axuda para a prestación de servizos lingüísticos debe empregarse baixo algunha das tres modalidades posibles: creación dun servizo lingüístico, mantemento dun servizo existente ou implementación de programas de dinamización lingüística. Así, o programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística apoia a creación de 5 novas unidades técnicas de traballo que, de maneira compartida, darán servizo a 15 concellos; o mantemento de 41 xa existentes que asisten a outros 50, e a programación de actividades propias de dinamización lingüística noutros 46.

Concretamente na área central da provincia de Lugo, os dous concellos con acceso a esta liña son Outeiro de Rei (programas de dinamización lingüística, 1.723 euros) e Vilalba (mantemento do servizo lingüístico, 4.449 euros). Precisamente Outeiro foi protagonista da promoción do idioma esta fin de semana, coa celebración do Convivio da Cultura Galega

No resto da entidade provincial recibiron achegas os concellos de Monforte de Lemos, Foz, Viveiro e Xove, o agrupamento formado polos municipios de Quiroga e Ribas de Sil, e mailo agrupamento entre Chantada, Carballedo, e o concello ourensán de San Cristovo de Cea.

Este programa pretende consolidar o papel normalizador das corporacións locais por medio da xeneralización do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos seus administrados, incidindo nas actuacións que garantan unha maior proxección e visibilidade da lingua galega non só no ámbito administrativo, senón fundamentalmente na acción destinada ao conxunto da sociedade.

Este servizo abrangue tanto a promoción directa da administración como nas empresas subcontratadas, nomeadamente aquelas que redunden no aumento da presenza do galego no tecido económico empresarial (en consonancia co Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020 que está a desenvolver a Xunta de Galicia), no deporte, na mocidade, nas TIC e nos servizos sociais.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here