InicioSociedadeBenedicta Sánchez fala sobre os Goya no 'Land Rober': "Foi como cando...

Benedicta Sánchez fala sobre os Goya no ‘Land Rober’: “Foi como cando dicían o meu nome na escola”

A actriz de 'O que arde' asistiu como convidada ao famoso programa da TVG, onde recibiu os eloxios do presentador, Roberto Vilar. Benedicta Sánchez relatou a súa historia de vida, dende a súa infancia no Corgo ata a súa etapa emigrada no Brasil ou de viaxe por Europa. "Eu quixera dar a volta ao mundo, pero como non nacín varón...", comentou.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A corguesa Benedicta Sánchez acudiu como convidada este xoves ao famoso programa ‘Land Rober’ da Televisión de Galicia. Despois de facerse co Premio Goya a Mellor Actriz Revelación, a protagonista de ‘O que arde‘ regresou a San Cosme de Manán para seguir coa súa rutina diaria, agora salpicada de continuas entrevistas coma a que lle fixo o presentador Roberto Vilar.

Logo de prestarse a participar no xogo ‘Quen vés sendo?’, Benedicta Sánchez recibiu as louvanzas de Roberto Vilar por ser “unha persoa normal que fai cousas extraordinarias e segue sendo normal“. Proba diso é a explicación que deu a actriz do Corgo respecto a como se sentiu no momento no que pronunciaron o seu nome nos Premios Goya: “A reacción foi como cando estaba na escola e dicían iso de ‘Sánchez Vila, ao encerado!'”. 

“EU QUIXERA DAR A VOLTA AO MUNDO”

Da man das preguntas que ía facendo Roberto Vilar, Benedicta Sánchez fixo un repaso á súa interesante vida. Dende a escola de San Cosme de Manán ata a súa época emigrada no Brasil ou os seus anos de viaxe por toda Europa. “Eu quixera dar a volta ao mundo, pero como non nacín varón…”, lamentou Benedicta Sánchez, consciente das dificultades ás que se debera enfrentar por ser muller. “Eu pensaba en poñer bigote, unha barba, cortar o pelo e emprender a viaxe”. “Poderiamos dicir que ti sempre fuches rebelde”, díxolle Roberto Vilar. “Home, e quen non?”, contestou ela.

Benedicta Sánchez e Roberto Vilar | Twitter: @RobertoVilarTV

A actriz revelación deste 2020 tamén relatou a aventura de viaxar a Valencia coa súa filla facendo ‘autostop’. “Iamos cada unha co seu macuto”. Benedicta Sánchez lembrou a axuda dun transportista da empresa lucense Leche Río, quen se ofrecera a levalas no camión durante parte do traxecto. “Agradézollo aínda hoxe”, asegurou.

Durante a entrevista, Benedicta Sánchez tamén contou como viviu o seu regreso definitivo ao Corgo, onde mercou unha cabra para poder saír adiante. “Eu non coñecía aquela España. Eu coñecía a España da década dos 40”, unha época da que arrastraba certos complexos como resultado do “desprezo” que tiñan algúns ante as persoas que falaban galego.

O TRIUNFO DE CANNES

Aquilo foi penetrando no seu subconsciente, pero na alfombra vermella de Cannes rebentou e puxo as cousas claras: “Fálenme en galego!“, pediu Benedicta Sánchez aquel día no que ‘O que arde’, a película de Oliver Laxe, se estreou no festival do cinema francés.

Ao remate da conversa, esta muller do Corgo tivo a oportunidade de coñecer o actor andaluz Antonio Garrido, que lle mostrou a súa admiración.

Na web da CRTVG podes ver o vídeo da entrevista completa.

ÚLTIMAS

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...

A Xunta só dá 10 días para consultar o expediente de Altri a 75 persoas interesadas

A Consellería de Economía e Industria recoñeceu a 75 persoas como interesadas no proxecto...

O PP lucense esixen a Tomé unha repartición “igualitaria” dos convenios da Deputación

Alcaldes e concelleiros do Partido Popular dos 67 concellos lucenses concentráronse este venres ante...

Dous detidos por estafar máis de 30.000 a unha empresa de Lugo

A Garda Civil de Lugo identificou a dous veciños de Cataluña que supostamente estafaron...