Justicia anuncia a contratación dunha unidade xudicial para aliviar a carga dos xulgados de Lugo

O Goberno central aceptará o reforzo dun xuíz, un letrado e tres funcionarios (tramitadores) tal e como pedía o concello.

Lara Méndez coa ministra de Justicia, Dolores Delgado, en Madrid / Concello de Lugo

O Ministerio de Justicia dotará a Lugo “da estrutura de persoal correspondente a un novo xulgado do Social“. Ese foi o compromiso que a ministra responsable deste departamento, Dolores Delgado, transmitiu este venres á alcaldesa Lara Méndez durante unha reunión.

Deste xeito, segundo esta comunicación, Xustiza aceptará o reforzo dun xuíz, un letrado e tres funcionarios (tramitadores), para que se poida activar canto antes o apoio aos tres xulgados do social en Lugo, que sofren unha importante sobrecarga de traballo.

O Ministerio anunciou hai unhas semanas a creación de dous novos xulgados do social en Santiago e en Vigo, pero non en Lugo. A petición destas tres unidades era unha demanda da comisión entre a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Segundo indica o Concello de Lugo nun comunicado, a estrutura de persoal comprometida pola ministra, “que é a que corresponde a unha unidade xudicial, xa que conta co mesmo número de efectivos”, permitirá que se atendan en poucos meses as causas pendentes “sen esperar a que se cre o novo órgano xudicial, xa que os previstos non estarían en marcha até o ano 2020”, segundo comunicou a ministra á alcaldesa.

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) será o encargado de comunicar ao Ministerio e á Xunta de Galicia a posta en marcha destes reforzos, xa que o maxistrado e o secretario dependen dá institución ministerial, mentres que os tramitadores dependen dá Administración Autonómica, apunta o consistorio lucense na nota.

Ademais, continúa o comunicado, a ministra comprometeu con Méndez que o Ministerio dará “luz verde” ao novo xulgado do social de Lugo “como novo órgano se a carga de traballo se mantén no tempo e se presenta como un problema estrutural”, xa que “ao dispor da estrutura de persoal e do gasto asignado a tramitación sería moito máis rápida”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here