InicioPolíticaAs mortes por infarto no HULA dobran a media galega

As mortes por infarto no HULA dobran a media galega

Dende o PSOE denuncian que a Xunta mentiu cando xustificou a ausencia dun servizo de hemodinámica 24 horas no HULA – TRES de cada catro pacientes son trasladados fóra de Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

Despois de que a Xunta de Galicia fixera públicos as estatísticas sobre pacientes tratados polo servizo de hemodinámica do HULA, dende o Partido Socialista lucense cualifican os datos de “demoledores”. Entre outras deficiencias, o secretario xeral en Lugo e deputado de relacións institucionais, Álvaro Santos, subliñou a taxa de mortalidade e o número de traslados de pacientes fóra de Lugo coma parte do “insulto” á provincia, e culpou ao Partido Popular de mentir cando xustificaron a ausencia de atención 24 horas para as patoloxías cardíacas.

Con 155 minutos de tempo de espera medio para a intervención de perfusión, o de Lugo é o hospital galego que máis tarda en aplicar a técnica. Un tempo “moi por enriba” dos 120 minutos “que recomendan a OMS e as guías do mundo da cardioloxía”, explicou Santos. Segundo advertiu, “isto ten unha traslación na mortalidade, na morbilidade ou na recuperación das persoas”.

Nesta liña, o deputado provincial censurou que o PP dixera que non existían diferencias relevantes con outros hospitais, e tamén a tardanza en publicar os datos solicitados pola formación socialista –tres meses despois de presentar a solicitude–. “Non nos deron todos os datos, non se atreven a dar os datos por doente [do Regaliam, Rexistro Galego de Infarto], pero os que conseguimos que se fixeran públicos son demoledores”. “E coñecendo os datos seguiron negando a hemodinámica 24 horas”.

Tal e como explicou, dende dende xuño de 2015 ata setembro do 2017, un total de 203 persoas con casos de infarto foron trasladadas de Lugo a outros hospitais “por estar fóra de horario de oficina”; en Lugo foron atendidas 69. Dende o PSOE advirten que “aínda coa apertura ata as 10 da noite, serán moitos os veciños que non serán atendidos no seu hospital, significando maiores problemas de desprazamento, conciliación e fractura co seu entorno durante a asistencia médica, con incidencia directa na mortalidade”.

Número de pacientes tratados no HULA no servizo de hemodinámica entre xuño de 2015 e setembro de 2017
E os tratados fóra do HULA, trasladados ao CHUAC da Coruña no mesmo período

A combinación do tempo de espera e maila necesidade de traslado de tres de cada catro pacientes con patoloxía cardíaca levan ao HULA a ser o hospital con maior taxa de mortalidade de Galicia. “Moitísimo máis en termos globais –continuou Santos–, o 4,6 por cento frente ao 2,9 en Pontevedra ou Santiago; e na mortalidade despois de perfusión, en Lugo é do 3,6 fronte ao 2,1 por cento de Vigo”.

Taxa de mortalidade desagregada, segundo as estruturas hospitalarias

O secretario xeral dos socialistas lucenses lamenta que “en Lugo morremos case o dobre de persoas que sufrimos un infarto ca en outras provincias, por unha decisión arbitraria do PP”. Os datos, asegurou, reforzan a postura do seu partido de contar cun servizo 24 horas de hemodinámica. “Os referentes da cardioloxía galega teñen dito que non hai xustificación ningunha” para carecer desta atención.

“Doe dicir esto”, dixo Santos. “Agora se demostra que o PP mentiu ou non atendeu ós datos” que xustificaban a non existencia do servizo contínuo de hemodinámica. Por esta razón, o PSOE prestará asesoramento xurídico para os lucenses que consideren que foron afectados pola “decisión política consciente” da Xunta e queiran reclamar. Por outra banda, anunciou que o seu grupo levará iniciativas ao Parlamento de Galicia para compensar “o insulto a todos os lucenses”.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...