O PSOE desmonta a “gran mentira” do PP coa intermodal nun vídeo e a Xunta fala de incumprimentos

Os socialistas aseguran que a Xunta estaba "ao tanto" do proxecto e que participou en varias xuntanzas. Ethel Vázquez di que non sabía todos os detalles do mesmo.

Recreación da Intermodal de Lugo / xunta.gal

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, confirmaba o pasado luns que non habería representación da administración autonómica na presentación do anteproxecto da estación Intermodal de Lugo. Unha decisión que vinculou co descoñecemento por parte da Xunta do proxecto.

“Como Xunta é moi difícil asistir a un acto no que non coñecemos, ata onte ás oito da tarde que nolo mandaron, o anteproxecto”, argumentou. “Un anteproxecto do que non coñecemos a solución definitiva”, criticou a conselleira, quen lembrou que se trata dunha actuación cofinanciada pola Xunta.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, non tardou en contestarlle e cualificou de “insulto” que a Xunta afirmara que “non coñece” o proxecto da estación intermodal para a capital provincial. “O 5 de novembro tivemos unha reunión en Madrid na que estabamos Ethel Vázquez, a presidenta da Adif (Isabel Pardo de Vera) e eu, na que se nos avanzou o documento presentado onte (o luns) polo Ministerio de Fomento”, dicía Lara Méndez.

A XUNTA BORRA AS NOTAS DA SÚA WEB

Curiosamente, logo destas acusacións, a Xunta borrou da súa web calquera alusión ao “descoñecemento” por parte da conselleira deste proxecto. Tamén borrou os datos da axenda institucional que tivera en Madrid o 5 de novembro pasado. E decidiu dar outra versión que foi a que logo publicaron algúns medios de comunicación, como El Progreso, que tamén decidiu borrar o argumento inicial dado pola Xunta.

O PSdeG decidiu publicar un vídeo nas súas redes sociais nas que conta “como creou o PP a mentira sobre a estación intermodal de Lugo”:

#SabiasQue o PP da Xunta de Galicia coñecía o proxecto da intermodal para Lugo dende novembro de 2018 cando asistiu a unha reunión conxunta en Madrid? Mais detalles aquí👇👇👇👇👇👇

Publicada por PSOE Provincial Lugo en Martes, 5 de marzo de 2019

Pola súa banda, a consellería de Ethel Vázquez cambiaba a versión do luns e insistía xa, de xeito oficial este mércores, que mantiveron diferentes reunións con Fomento para abordar de forma conxunta o anteproxecto. A última foi o 30 de xaneiro de 2019, pero agora a crítica céntrase en que nesas xuntanzas Fomento “non dixo toda a verdade” sobre o proxecto e que por iso decidiron boicotealo o pasado luns.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here