Tarefas pendentes en Lugo a doce meses dos comicios

Os partidos presentes na corporación municipal responden sobre as prioridades ata a fin de mandato – Acordos aínda non aplicados, promesas de campaña e vellas demandas dos lucenses

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez | Concello de Lugo

Na reportaxe anterior, voces autorizadas das seis formacións con representación na cámara local de Lugo fixeron balance do realizado dende que Lara Méndez tomou posesión en 2015. Desta volta, a cuestión é que pode dar de si o mandato antes das vindeiras eleccións de 2019. E de novo semella existir un consenso notable acerca das necesidades máis urxentes nos lucenses, o que fala tanto da importancia dos desafíos pendentes coma das futuras posibilidades de colaboración.

As mensaxes cara a alcaldía son claras: cómpre avanzar na planificación e na xestión diaria da cidade. A burocracia medrou en inimigo do goberno local e os proxectos máis ambiciosos aínda están por aplicar. Secasí, a rexidora Lara Méndez confía en que os novos orzamentos permitan amortizar o ano electoral con grandes investimentos. Conta cos recursos, pero na oposición coinciden en sinalar que os proxectos de desenvolvemento urbanístico e de mobilidade están lonxe da materialización.

 

Xestión

Os maiores consensos volven ser os das novas infraestruturas e as intervencións nos barrios –como demostran os acordos plenarios–, materias nas que o Concello amosa maior iniciativa. Porén, o resto de grupos detectan que a prioridade do executivo debe estar na mellora da xestión. Cristina Pérez Herráiz, voceira de Lugonovo, lembra que para que a administración funcione, é esencial que o persoal estea á altura. De igual xeito opina Olga Louzao, representante de Ciudadanos, pois «hai que acabar coa desmotivación do persoal de numerosos departamentos, que repercute na calidade dos servizos».

Tanto na formación laranxa coma no Partido Popular (PP) asumen que a reducción da burocracia é o primeiro paso para dinamizar o municipio. Así o explica o voceiro popular Antonio Ameijide, convencido de que é «un triste mérito» que Lugo sexa «un dos concellos que peor pagan», lembrando que o goberno socialista «rematou 2017 con 8.863 facturas sen pagar e 22 contratos caducados». Asegura Ameijide que «o Concello resolve unha licenza urbanística cada tres días», polo que a este ritmo «as solicitudes que o goberno recoñece ter nun caixón non se desbloquearán ata 2020». Dende a formación conservadora advirten de que este escenario «de inseguridade xurídica» frea novos proxectos e ameaza o investimento e a creación de emprego.

Segundo Carlos Portomeñe, representante de Alternativa Cidadá de Esquerdas (ACE), entre as prioridades do resto de mandato ten que estar a municipalización de servizos. «As empresas con contratos caducados –limpeza viaria, recollida de residuos, subministro de auga– supoñen unha sangría para as arcas municipais e unha merma da calidade de vida». Mesma conclusión extraen en Lugonovo, onde reclaman con urxencia a regularización dos contratos caducos e comezar as municipalizacións acordadas en pleno.

Carlos Portomeñe, edil de Alternativa Cidadá de Esquerdas | ACE-EU

Ademais do persoal e da situación dos pagamentos, preocupa tamén o mantemento das instalacións de titularidade municipal. É así para Ciudadanos e Lugonovo, grupo que especifica a conservación de espazos verdes, o pintado, a sinalización e a pavimentación como aspectos a mellorar. Asemade, en ACE lembran das consecuencias legais e económicas que traería para a administración local incumprir as sentenzas xudiciais, polo que urxen a habilitar unha partida orzamentaria para derrubar as torres do Garañón.

 

Planificación

Alén da xestión, outros centran as prioridades na planificación do que está por vir; é o caso do Bloque Nacionalista Galego (BNG). En palabras do voceiro Rubén Arroxo, «Lugo non aposta a día de hoxe por ser unha cidade do século XXI». Os nacionalistas denuncian que «mantense paralizado o traballo para a recuperación dos barrios» polos «choques partidistas» entre o Partido Socialista e o Partido Popular, organizacións á fronte do Concello e da Xunta, respectivamente. Citan os casos da Tinería e da Milagrosa e advirten dos problemas dun Plan Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM) «ultra-expansivo e insostible».

Neste eido existen importantes puntos de acordo ao respecto das necesidades dos lucenses. ACE solicita redacción dun novo Planeamento «para un urbanismo racional e sostible», mentres que o BNG lembra que segue sen concretarse a peonalización da ronda na muralla na Mosqueira, medida aprobada por unanimidade a proposta dos nacionalistas. O PP fala de «caos» e «colapso xeralizado» na circulación pola falla de aparcadoiros e a suspensión dao sistema da ORA. Por outra banda, os populares cualifican de «retraso imperdoable» a implantación do novo modelo de transporte urbano.

Aquí contan co apoio adicional de Lugonovo, que pide modernizar o transporte e adaptar as liñas do bus ás necesidades da veciñanza, e de ACE, que considera o servizo «imprescindible se queremos avanzar nas peonalizacións e no modelo de mobilidade sostible». Coma sinalan no BNG, o Concello segue sen recobrar o servizo de empréstito de bicicletas e tampouco convoca a mesa de mobilidade. E dentro da planificación, en Lugonovo piden crear máis aparcadoiros públicos e regular os xa existentes.

 

Iniciativas sociais e infraestruturas

Fóra dos grandes consensos sobre a burocracia ou a mobilidade quedan as propostas de tipo social. Lugonovo quere pelexar por uns orzamentos colaborativos «de verdade». Paralelamente, ACE procura unha nova fiscalidade progresiva «para que pague máis quen máis ten, e garantir a autosuficiencia financeira do Concello e a prestación de servizos»; executar medidas comprometidas de dereito á vivenda, coma abrir o censo de vivendas baleiras e recargar ata o máximo o Imposto de Bens Inmobles (IBI) á banca e ás grandes empresas que manteñen vivendas abandonadas; ademais de abrir os centros de ensino durante o verán con actividades e servizo de comedor para garantir a conciliación laboral e evitar casos de malnutrición.

Así as cousas, o goberno socialista mantén as infraestruturas no eixo da estratexia. Lara Méndez subliña que «apenas vinte días despois» de aprobar os orzamentos «máis investidores da última época», as contas materialízanse na licitación de proxectos coma o ascensor público de Fontiñas ou o aparcadoiro do HULA. E sinala para o futuro próximo a construcción do ascensor de Sagrado Corazón, o remate do centro social da Piringalla, a mellora dos parques infantís, o cambio na forma de acceder ao casco histórico ou a peonalización de rúas coma Quiroga Ballesteros ou a Praza da Milagrosa. «O compromiso é total», insisten dende a alcaldía, salientando a partida de 2,5 millóns de euros para o Plan de Barrios e os 300.000 euros para saneamento do rural. Pero dende Ciudadanos avisan de que o Concello debe «poñerse ao día» e non «tapar a incompetencia con millóns de cemento».

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here