Salvando da desaparición a uva castañal, a esquecida tinta galega

Investigadores do Campus de Lugo procuran un método para facer rendible a castañal, especialmente vulnerable ao oídio

Uva castañal | Javier Cancela
Uva castañal | Javier Cancela

A recuperación da uva castañal é o cometido dun Grupo Operativo público-privado no que participa o Grupo de Investigación de Proxectos e Planificación (Proepla) do Campus Terra. O enxeñeiro agrónomo Javier Cancela explica a interrelación entre os actores involucrados, que aspiran a reunir todo o coñecemento arredor desta variedade en extinción, identificala en laboratorio e comprobar o seu comportamento, co obxectivo último de reducir a incidencia do oídio e facer rendible comercialmente esta tinta autóctona.

Esta é unha actividade de innovación directa, que non se reduce á investigación universitaria. Por iso, agrupa ao mencionado grupo da Universidade de Santiago de Compostela, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), e dous produtores do Baixo Miño.

Un destes socios privados, Viñas e Terras do Pazo –o outro é Señorío de Rubiós, nas Neves, bisbarra do Condado–, foi quen detectou o problema. A castañal, variedade tinta de uva, é excepción nas Rías Baixas, onde son típicas as variedades brancas, nomeadamente o albariño. A comezos do século XX, a castañal era abundante no Baixo Miño, en zonas como O Rosal ou Tomiño, e empregábase para consumo propio, con pequenos propietarios que facían o tinto na casa. Era unha variedade que permitía un viño de calidade, valorado polas propiedades de cor e sabor.

Mais esta variedade ten a característica dun ciclo medio-longo, que a introduce nunha época do ano máis húmida, a pesar da climatoloxía favorable da zona. Isto fai que a castañal sexa pouco resistente fronte ao oídio, que compromete a calidade da uva dos acios afectados. Segundo se foi implantando a albariño, a castañal foi a menos por un consumo tradicional en declive e o problema do oídio, difícil de combater.

Malia esta desaparición, quedaron varios pés en propiedades particulares que manteron a uva para misturar con outras tintas menos propensas ao oídio. A comezos do novo milenio, adegueiros da zona dicidíronse a retomar a plantación da variedade, recuperando dous clons; dentro de cada variedade vexetal hai diferentes clons, con alteracións na resistencia ou a follaxe, entre outras bondades.

Con aqueles dous clons de castañal, recuperados por particulares, plantáronse tres hectáreas nas ladeiras máis elevadas, o cal supuxo unha forte aposta por sacarlle valor á uva.

Grupo Operativo

 

Neste contexto, en 2018 constitúese o Grupo Operativo. O Proepla encárgase do manexo agronómico, a nutrición, rega e xestión vexetal; as adegas analizan os coñecementos xa existentes sobre a variedade; e a Evega, da parte xenética.

Hai escasas referencias escritas sobre a castañal, polo que a agrupación ten a misión de recuperar información noutros centros de almacenamento de material vexetal en Vigo, Madrid ou Portugal. De xeito simultáneo, realízase a pesquisa local de clons en plantas illadas, para que o Evega comprobe as variantes xenéticas existentes. A nivel experimental, caracterizarase unha parcela para avaliar o comportamento ata finais de 2020, tentando abordar como reducir a incidencia do oídio a través do manexo vexetal.

O ensaio consta de dous elementos de traballo esencialmente manual. O primeiro é o desfollado precoz, coincidindo coa floración do viñedo, para reducir a densidade do acio e lograr aireamento meirande na fase final, cando se desenvolve o acio. A ventilación da uva limita o ataque do fungo. O segundo tratamento é complementario, e segue ao desfollado; na fase final, no envero, retíranse os netos ou talos secundarios, que reducen a aireación e producen sombreamento.

Evega

Cando a vide xera estes crecementos secundarios, o que acontece é que transloca os nutrientes para favorecer o desenvolvemento vexetativo, mais o que interesa para facer rendible a variedade é o crecemento produtivo. As follas realizan a fotosíntese e permiten que existan nutrientes, que reverten no acio e, por tanto, na produción. Por iso cómpre acadar un equilibrio entre follaxe e nutrientes.

Co coñecemento dispoñible, os investigadores saben que, dependendo da variedade, a redución do crecimento secundario non ten por que afectar á calidade da uva. Tan só afecta aos quilos que produce cada acio, individualmente. O método terá que ser avaliado en termos económicos, polas horas e o persoal que precisan para reducir o impacto do oídio.

Experiencias previas e resultados previstos

No Proepla carecen de experiencia previa con esta variedade a nivel agronómico. Distinto é o caso na Evega, que si ten información sobre a caracterización xenómica. Secasí, os investigadores do Campus Terra teñen implementado estes métodos de desfollado e retirada de secundarios noutras variedades.

O que adoita acontecer é que, efectivamente, a incidencia de enfermidades é menor, o que reduce o número de tratamentos. Ademais do aforro económico, hai menores consecuencias a nivel ambiental, polo menor emprego de químicos que poden acabar no terreo e na planta.

Evega

Ademais, prodúcese unha mellora na concentración dos elementos máis valorados a nivel enolóxico. Foi o caso do albariño, con incremento en termos xerais dos aromas potencialmente interesantes para o viño. Trasladado á uva tinta, coma a castañal, a mellora prodúcese nos polifenois, con capacidades antioxidantes.

Como contrapartida, a aireación do acio reporta menos quilos de uva, entre un quince e un vinte por cento menos de produción. Este descenso, que depende da climatoloxía, ten que ser valorado economicamente. Así as cousas, a intención é obter un viño de alta gama, con pouca superficie produtiva e limitado impacto medioambiental.

Cancela salienta que a castañal pode ser alternativa, convivir e mesturarse coa uva mencía. A variedade en investigación foi moi valorada historicamente, “e por algo sería”. Na actualidade, estanse a elaborar uns primeiros viños con resultados excelentes.

O Grupo Operativo respectará os estándares agronómicos dos produtores, con pequenas correccións, para comprobar como se comporta a castañal no campo experimental. Lamentan os investigadores non dispor de máis tempo, porque “dous anos son pouco tempo para esta clase de traballos”, debido á variabilidade na incidencia do oídio polas condicións climatolóxicas.

Á escasa marxe temporal hai que engadir a falta de recursos económicos destas pequenas adegas, que non poden adicar excesivos recursos mentres traballan noutras variedades, o que deixa apenas opcións de involucrarse no proxecto. O orzamento de 99.000 euros supón unha pequena fiestra de oportunidade, pero os resultados poden non ser concluíntes. Farían falla ata cinco anos para obter maiores certezas.

Curiosamente, o segundo socio privado, Señorío de Rubiós, carece desta variedade, da que non hai rexistros na zona, de carácter montañoso. Esta adega emprega variedades minoritarias para producir viños monovarietais, e planea introducir a castañal a partir dos clons escollidos na Evega. A fin de xerar máis produción con esta nova variedade, transformarán un importante terreo que se atopa en condicións máis ben pobres.

Ecovine ultima o sistema de seguimento de maduración dos viñedos

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here