InicioMovementos sociaisA autora da tese máis relevante sobre violencia contra a muller é...

A autora da tese máis relevante sobre violencia contra a muller é docente no Campus Terra

O Ministerio de Igualdade premia a investigación de Silvia Pérez Freire, que impartirá clase neste segundo cuadrimestre na Facultade de Humanidades de Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

A socióloga independente Silvia Pérez Freire obtivo o premio á mellor tese de 2018 sobre violencia contra a muller, concedido polo Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade. A investigación que mereceu tal distinción ten por título ‘Vitimización da trata sexual: imaxinarios e invisibilización’. A autora é profesora na Universidade de Vigo e neste segundo cuadrimestre impartirá clase no Campus Terra de Lugo.

A tese de doutoramento foi desenvolvida na Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por José Luis Pintos de Cea Naharro. Nela, analízase como a prostitución “se constitúe como un sistema global de grandes beneficios económicos no que a trata sexual é unha forma máis de captación de continxentes femininos para a súa retroalimentación”.

Mecanismo de ocultación da prostitución

Como describe a socióloga, a trata muda no chivo expiatorio para non afrontar o fenómeno da prostitución, eludindo a nosa responsabilidade social co fenómeno. “A trata sexual como mecanismo de ocultación da prostitución implica outra manifestación da violencia de xénero”, explica Pérez Freire.

Estas achegas ofrecen unha cosmovisión da que se extraen os imaxinarios sociais da prostitución e da trata sexual. “O non recoñecemento do dano que produce a prostitución nas mulleres xera un estado de indefensión no que se está enquistando a vitimización, invisibilizándoa”, subliña.

Fontes acreditadas e un currículo senlleiro

Profesora de Socioloxía na Universidade de Vigo dende hai máis dunha década, Pérez Freire conclúe que “neste proceso non hai tránsito para as vítimas de trata sexual: son invisibles ou hipervitimízanse, o que anula o sentido crítico e ético sobre o fenómeno”. A tese inclúe preto de setenta testemuñas dos denominados observadores de primeira orde: institucións públicas, corpos e forzas policiais e xurídicas, ONG de acreditada experiencia na materia, investigadoras, proxenetas e vítimas.

A responsable da tese de referencia conducirá, no segundo cuadrimestre, a materia Políticas de Xénero e Xestión Cultural no marco do Máster Universitario en Servizos Culturais, impartido na Facultade de Humanidades do campus de Lugo. Consultora técnica en investigación social para diversas Universidades, e xestora de proxectos socioculturais a través da empresa Rizoma social, da que é socia fundadora e directora, tamén imparte formación de xénero para a Escola Galega da Administración Pública.

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

O BNG reclama melloras da N6 no seu paso pola provincia de Lugo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha serie de iniciativas parlamentarias...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...