Alertan do custe medioambiental da nova iluminación no paseo do Rato

Diversas organizacións critican o elevado custe da obra en curso, que diminuirá o valor ecolóxico e paisaxístico xerando contaminación lumínica, cando xa existen infraestruturas similares en Lugo

Obras no paseo do río Rato | Equo

Este proxecto xurdiu a comezos de 2015, con Lara Álvarez coma vicepresidenta na Deputación e José López Orozco aínda alcalde de Lugo. O obxectivo era asignar fondos provinciais para iluminar o paseo do río Rato, «unha zona fluvial rehabilitada pola que os cidadáns realizan deporte e gozan do medio que rodea á cidade de Lugo», intervención que serviría para «gozar del o maior número de horas e incrementar o nivel de seguridad».

O inicio do expediente de contratación fíxose en outubro do mesmo ano sen que o departamento redactor do proxecto tivera coñecemento, polo que houbo que deixar sen efecto o acordo inicial e asinar un novo, con algunha modificación no convenio entre o ente provincial e o concello capitalino. Aínda que fora aprobado un gasto de 1.364.913 euros en marzo de 2016, o Grupo Mariño resultou adxudicatario en xullo de 2017 cunha oferta de 749.474 euros.

Obras no paseo do río Rato | Nery Díaz

Dende o comezo das obras, grupos coma Lugo De Cara Ao Miño, Equo ou Adega denunciaron que a instalación das luminarias –co correspondente corte de árbores– diminuiría o valor ecolóxico do cinto verde de Lugo, onde habitan paxaros, esquíos e salamántigas protexidas, e tamén o paisaxístico, pola presenza de elementos artificiais canda os propios da zona, coma a fervenza.

Aliás, o maior impacto é o que supón a contaminación lumínica, con efectos probados na saúde humana e animal. Este tipo de contaminación está xa regulamentada na Lei 34/2007  da calidade do aire e da atmosfera –que obriga a non alterar as condicións naturais–, e no Real Decreto 1890/2008, que concreta a aplicación de alumeado exterior, malia que sen especificar a afectación no eido natural. Contra a tendencia doutros concellos a renaturalizar, explican estes colectivos, Lugo incrementa a contaminación lumínica nun espazo de alto valor, comportamento que caracterizan de anacrónico.

Ponte inutilizable no paseo do río Rato | Nery Díaz

Así, alegan que a afluencia nocturna do paseo do Rato non xustifica o investimento e posterior mantemento –que asumirá o Concello e do que aseguran ninguén informou–, especialmente cando existe todo un percorrido no río Miño que xa contaba con iluminación. Tampouco comprenden como é posible instalar os 282 farois previstos e deixar outros equipamentos coma papeleiras ou mesmo a ponte sen arranxar.

Todo isto sucede á beira do Centro de Interpretación Terras do Miño, onde os raparigos aprenden a respectar o medio ambiente. Xunto a estas contradiccións, os grupos ecoloxistas salientan a agresividade dunha obra con bases de cemento que non respectou a obrigatoria protección da natureza, deixando no proceso plásticos e terra nas augas do Rato.

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here