InicioPolíticaEn Marea no Congreso: así avanzan as reivindicacións da provincia de Lugo

En Marea no Congreso: así avanzan as reivindicacións da provincia de Lugo

O incerto horizonte orzamentario obriga a En Marea a estabelecer prioridades no Congreso, onde está en xogo solucionar o atraso da provincia de Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

O grupo de En Marea no Congreso dos Deputados ten a difícil tarefa de manter unha liña autónoma e significar a súa importancia artimética nas votacións. Malia acadar a maior representación exclusivamente galega de sempre na Cámara Baixa, as cinco deputadas deben arrostrar a negativa da Mesa a dispor dun grupo propio e a realidade de pertencer a tres correntes distintas, sendo Anova a única de carácter nacionalista. Así e todo, na coalición confían nas boas relacións co Goberno socialista para trasladar a axenda galega, cun feixe de medidas específicas para a provincia de Lugo.

Os sectores de Podemos e Esquerda Unida son máis optimistas nese senso, e aseguran que se o executivo central é sensible ás cuestións galegas é debido ao pulo do grupo confederal no que se integra En Marea. Yolanda Díaz gaba a intensa actividade da alianza galega no Congreso, sendo a agrupación máis activa a prol de materias de igualdade, pensións ou industria.

É certo que Unidos Podemos é responsable de varios cambios de criterio do Goberno reflictidos nos orzamentos; porén, a meirande parte das demandas da cidadanía lucense está lonxe de traducirse en partidas nas contas públicas. Os compromisos do Estado son polo de agora vagos e insuficientes para compensar o atraso crónico da provincia. Con novo proxecto orzamentario ou vía prórroga, semella imposible que a este ritmo as demandas máis urxentes cheguen a realizarse antes do novo ciclo electoral.

Resulta evidente que esta débeda con Lugo non é responsabilidade exclusiva das representantes de En Marea en Madrid, pois o goberno da Deputación corresponde ao  mesmo Partido Socialista que ocupa a bancada azul no Congreso. Aliás, se alguén está en posición de replantexar a postura do gabinete ministerial é precisamente o grupo conformado por Yolanda Díaz, Tone Antón-Reino, Alexandra Fernández, Ángela Rodríguez e Miguel Anxo Fernán Vello.

Negociacións co Goberno e comisións parlamentarias

Alexandra Fernández | En Marea

O quinteto parlamentar mantén contacto asiduo cos responsables gubernamentais e forza o posicionamento doutras formacións nas diversas comisións de San Jerónimo. Así aconteceu este martes na de Seguridade Vial, na que resultou aprobada a proposición non de lei de En Marea para mellorar a seguridade da Nacional Sexta ao paso por Outeiro de Rei.

Os enviados socialistas abstivéronse no acordo, que inclúe a construción da rotonda na intersección da N-VI coa autoestrada A-6, a dotación de vías de servizo, beirarrúas, aparcadoiros, pasos peonís e sinalización. Nun segundo punto, a proposición recolle a a aplicación urxente dunha nova capa de rodadura na N-VI entre Rábade e o enlace coa LU-3908 no bairro de Buxán.

En Marea defende que a denominada axenda galega do cambio vai alén dos compromisos orzamentarios. O deputado por Lugo, o escritor Fernán Vello, considera que os cinco escanos galegos representan unha importancia histórica determinante para levar a realidade de Galicia a todo o espectro político. En repetidas ocasións, a portavocía do grupo lembrou que os cinco votos son os mesmos dos que dispón o Partido Nacionalista Vasco.

Recentemente En Marea reuniuse coa ministra de Política Territorial, Meritxell Batet, coa que existe franca sintonía. Na mesa apareceron varios temas vencellados a Lugo, en especial referidos a infraestruturas, medio ambiente e patrimonio. A pesar da vontade mostrada polo Goberno, as demandas están lonxe de ter traslación física. Hai máis esperanza nas medidas solicitadas aos departamentos estatais, coma é o caso de Adif.

Infraestruturas

Tone Gómez-Reino | Óscar Bernárdez
Tone Gómez-Reino | Óscar Bernárdez

O administrador ferroviario que preside a lucense Isabel Pardo de Vera é o máis implicado na provincia, onde ten importantes ligazóns políticas e dentro do asociacionismo, e conta con capital propio para afrontar o programa de eliminación de pasos a nivel, con especial impacto na trama urbana de Monforte de Lemos, e básica na conexión Lugo – Ourense.

Con todo, sen novos Orzamentos Xerais do Estado, será difícil para En Marea arrincar a reforma da antiga Feve de Ferrol a Xixón ou a mellora da liña de Monforte a Palencia, pois carecen de partidas en vigor e precisarían de modificacións futuras nas contas prorrogadas, un aspecto delicado. Na mesma situación quedaría o Porto Seco de Monforte, a revitalización do Centro Tecnolóxico Agroalimentario (CETAL), a construción dunha rotonda na confluencia da N-VI coa Avenida Afonso X de Lugo, a pasarela do estadio Anxo Carro, ou a pasarela na Rolda Norte sobre a N-640 no barrio das Gándaras.

Outros requerimentos para o Goberno son o mantemento da ponte branca sobre o Miño, a rehabilitación da deteriorada praza Conde de Fontao na estación de ferrocarril da capital provincial, así como a solución para a A-8 no Alto do Fiouco, e o arranxo das estradas estatais N-634, N-640, N-642, N-120 e N-540.

Sector primario, cultura, medio ambiente e patrimonio

Yolanda Díaz | Óscar Bernárdez
Yolanda Díaz | Óscar Bernárdez

Dende En Marea transmitirán a necesidade de asegurar os regadíos da Terra Chá e o Val de Lemos. Un dos temas de maior urxencia é asegurar a posición negociadora no Brexit polas consecuencias no porto de Celeiro, onde un quince por cento das capturas se producen en augas británicas. Asemade tentarán atopar solución aos problemas na factoría de Sargadelos.

En canto á cultura, o grupo parlamentar quedou satisfeito coa posición da ministra Batet acerca da toponimia e a promoción do galego no exterior, e o uso da lingua nas administracións do Estado. No que respecta ao patrimonio, pedirán asegurar Santa Eulaia de Bóveda, a Torre da Caldaloba ou o conxunto arqueolóxico de Pena Grande, xacemento no que conseguiron paralizar a poxa dos terreos cun requerimento plenario ao anterior ministro de Facenda.

Por último, nas cuestións de medio ambiente, En Marea quere que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil atalle a contaminación nos ríos, por exemplo no Azúmara, caudal troiteiro que, lamentan, está bioloxicamente morto.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...