InicioPolíticaO Concello de Lugo saca músculo con tres proxectos de mobilidade no...

O Concello de Lugo saca músculo con tres proxectos de mobilidade no último ano de mandato

Neste mes de maio o goberno local realizou tres grandes anuncios, forte comezo para un ano electoral no que quere superar o grao de execución dos anteriores orzamentos

PUBLICADA O

- Advertisement -

A comezos de maio, un investimento de 255.000 euros no ascensor de Fontiñas. Cinco días despois, 119.000 euros para o aparcadoiro do HULA. E o luns seguinte, o Concello de Lugo adianta que empregará 350.000 euros para sete aparcadoiros disuasorios. Os novos orzamentos permiten ao executivo local arrostrar o decisivo ano electoral con renovada enerxía; con razón dicía a alcaldesa, Lara Méndez, que a aprobación das contas ben merecía arriscar a posición persoal e do partido. A promesa da formación socialista de asumir os retos da mobilidade na cidade colle pulo, e faino nun intre moi oportuno.

A cuestión é se será tempo abondo. Ollando cara atrás, os orzamentos de 2016 –logo prorrogados– foron aprobados en maio e o goberno de Lugo foi quen de executar algo máis do 80 por cento. Desta vez, o total presupostado ascende un 5 por cento ata os 95 millóns de euros, en boa parte polo incremento nos investimentos, cunha suba do 40 por cento. Así, o concello aposta por sacar músculo dende o primeiro momento cunha vella demanda, o ascensor de Fontiñas, e ata 800 novas prazas en aparcadoiros públicos. A realización doutros proxectos, coma a renovación do bus urbano ou o carril bici ata o Miño, terá que agardar.

 

O ascensor de Fontiñas

A veciñanza do barrio contará en catro meses cun ascensor para salvar unha altura de 11 metros dende a Ronda de Fontiñas, cun novo alumeado para a andaina e a humanización e mellora da contorna. Cun investimento de 255.000 euros, o ascensor público de Fontiñas dará servizo a 10.000 veciños, calculan dende o consistorio, e vencellará a Ronda coa rúa Ramón Montenegro, unha conexión moi demandada para acceder ao centro de saúde e o núcleo de Lugo.

 

Aparcadoiro público do HULA

Este proxecto servirá para acondicionar unha parcela de 12.000 metros cadrados á beira do Hospital Universitario. Contando co prazo de adxudicación e execución, en cinco meses haberá 363 novas prazas gratuítas, co que o total de espazos de estacionamento creados no mandato na contorna do HULA acadará os 513. Os traballos contan cun orzamento de 119.000 euros para o movemento de terras, a instalación dun peche vexetal e a protección da mámoa, que contará cun control arqueolóxico na parcela. No concello estiman que o centro hospitalario conta con entre 3.000 e 4.000 usuarios diarios.

 

Sete aparcadoiros disuasorios

O polo de agora último anuncio da xunta de goberno local é o proxecto de acondicionamento de sete aparcadoiros disuasorios en distintos puntos da cidade, que abranguerán 6.000 metros cadrados e aportarán 203 novas prazas gratuítas. O prazo de execución calcúlase en 5 meses, cun orzamento conxunto de 350.000 euros. Apois de realizar un estudo técnico, o concello decidiu que os sete aparcadoiros estarán en Garabolos, Lamas de Prado, A Milagrosa, na Avenida de Madrid, Paradai de Arriba, e os outros dous no centro.

ÚLTIMAS

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...

A Xunta só dá 10 días para consultar o expediente de Altri a 75 persoas interesadas

A Consellería de Economía e Industria recoñeceu a 75 persoas como interesadas no proxecto...

O PP lucense esixen a Tomé unha repartición “igualitaria” dos convenios da Deputación

Alcaldes e concelleiros do Partido Popular dos 67 concellos lucenses concentráronse este venres ante...

Dous detidos por estafar máis de 30.000 a unha empresa de Lugo

A Garda Civil de Lugo identificou a dous veciños de Cataluña que supostamente estafaron...