Lugo, o “Mismo sitio, distinto Lugar” de Vetusta Morla co Caudal Fest

Lugo acolleu os días 21 e 22 deste mes de setembro a I edición do Caudal Fest, Festival de música indie e alternativa que recibiu 22.000 visitantes e colocou á capital da provincia nos circuitos de festivais

Pucho, de Vetusta Morla, no Caudal Fest | Emilio Romanos
Pucho, de Vetusta Morla, no Caudal Fest | Emilio Romanos

ANA BELÉN FERNÁNDEZ | Vestusta Morla foi o cabeza de cartel desta primeira edición do Caudal Fest. Confírmao que o concerto da banda madrileña foi o que máis público congregou de todo o festival. Acontecía ás 23.45 h. deste sábado 22. Lugo cantou con Pucho, vocalista de Vetusta Morla, cancións de toda a traxectoria musical da banda: Golpe Maestro, Maldita Dulzura, Copenhague, La Deriva, Mapas, Valiente, Fuego ou El Hombre del Saco, tema co que a banda adoita pechar os seus concertos.

Vetusta Morla | Emilio Romanos
Vetusta Morla | Emilio Romanos

A sintonía co público tivo o seu momento álxido cando Pucho lembrou o primeiro concerto da banda en Lugo, na sala Clavicémbalo, para catro persoas. Asegurou que tiñan moi bo recordo daquel concerto, como o que agora se levarían do CaudalFest, nunha circunstancia ben distinta. “Mismo sitio, distinto lugar”, dixo Pucho, como o título do último traballo de Vetusta Morla.

Público no Caudal Fest | Emilio Romanos
Público no Caudal Fest | Emilio Romanos

Seguirían aos madrileños no escenario Novedades Carminha, mentres que antes de Vestusta Morla actuaron no Caudal Fest, Triángulo de Amor Bizarro, Iván Ferreiro e Mala Rodríguez.

Mala Rodríguez | Emilio Romanos
Mala Rodríguez | Emilio Romanos

Esta primeira experiencia do Festival deixa un balance moi positivo. O parking do Festival estivo cheo xa desde o 21 á mediodía. Estableceuse servizo periódico de bus co centro da cidade que funcionou fluidamente. A zona de acampada-descanso estivo completa. Como cara b do Festival estaría algún problema de son, nalgún dos concertos e a falta de postos de comida. O día 22 entre as 21.30 h. e as 23.30 h. conseguir comer e atinar coa cola do posto ao que se quería ir antoxábase misión imposible.

Fernando Gómez
Contratación de artistas e Comunicación do Caudal Fest

Fernando Gómez | Emilio Romanos
Fernando Gómez | Emilio Romanos

Satisfeitos con como foi todo?

A verdade é que foi todo ben. Xa o primeiro día superáronse todas expectativas.

Sabiamos que tiñamos un cartel potente e que lle dabamos a Lugo un Festival que non tiña. 15.000 entradas vendidas, moitas familias, persoas maiores, nenos,… Sabemos que Lugo estivo cheo de xente polas rúas, ceando e comendo nos restaurantes.

As claves do éxito cales son?

Se ti xuntas nunha cidade como Lugo en termos turísticos, a gastronomía, o Lugo romano, paisaxes, o río Miño,… e lle das un cartel tan variado a un prezo tan accesible, debería de funcionar. Estamos tamén a finais do verán, é o último Festival do verán e dis…-Imos? – Imos. Volcouse a xente de Lugo e a xente de toda Galiciae do noroeste.

Poderías establecer un perfil do público do Caudal Fest?

Xente á que lle gusta ir de Festivais, xente á que lle gusta a música indie ou alternativa. Aquí está todo a tope, a zona de acampada está completa e hai nenos, maiores, mozos,… xente maior de Lugo que dí, hai un evento en Lugo e eu quero apoiar un evento en Lugo, xente nova con ganas de festa, xente á que lle gusta coñecer outras cidades e a música e a cultura son unha boa excusa.

O Xardín do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo está sendo un escenario perfecto para o Festival, por que esta localización?

O emprazamento afonda na idea do nome, potenciar a marca río Miño. Por outra banda dentro da cidade non podiamos celebrar un Festival tan grande. Tiñamos claro o sitio e as institucións tamén nos apoiaron.

Tiñades clara a filosofía do Festival, pero cando escollestedes o cartel que buscabades?

Aínda que sone a tópico, o primeiro era ter un cartel variado. Poder escoitar unha banda tan grande como Vetusta Morla que nesta semana ven de estar nominada a tres Grammys Latinos,  (Mellor Álbum de Música Alternativa e Mellor Deseño de Empaque por “Mismo Sitio, Distinto Lugar”; e Mellor Canción Alternativa “Consejo de Sabios”)o primeiro grupo indie que o acada; bandas galegas, como Iván Ferreiro, Triángulo de Amor Bizarro ou Novedades Carminha; grupos de Lugo como David Prado ou Berta Franklin; bandas de diferentes estilos, Rulo y La Contrabanda (cantante de La Fuga); unha proposta alternativa e urbana como Mala Rodríguez ou música electrónica con  Eme Dj e Crepúsculo.

Haberá II edición, xa se está traballando nela?

Si, xa estamos co Festival do vindeiro ano. Hai que moverse rápido para traer ás bandas máis grandes.

Continuamente aparecen Festivais en vilas e cidades e con decenas de tendencias musicais diferentes,… O futuro para escoitar música, pasa polos festivais?

Un festival dache a oportunidade de facer moitas cousas, estar co amigos, pásalo ben, coñecer moitos grupos que non coñeces, ver moitos grupos a un bo prezo,…e neste caso con este enclave, os Festivais son unhas vacacións,… coñezo Lugo, como ou vou de tapas e achégome ao festival.

Hai moitos festivais porque tamén a xente o está tomando como unha alternativa de lecer, mesturada con cultura, é un modo de facer turismo e á xente interésalle.

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here