InicioLugo e contornaLugoO avogado que representa á moza transexual agredida na Muralla apunta un...

O avogado que representa á moza transexual agredida na Muralla apunta un “posible compoñente de odio”

Asegura que no plano "emocional foi vítima dun ataque que pode ter compoñente de odio e psicoloxicamente iso é devastador".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Un “posible compoñente de odio” pode motivar a agresión a unha moza transexual supostamente empuxada desde a Muralla de Lugo e abandonada ferida no patio dunha vivenda o pasado 31 de outubro.

Así o asegurou o avogado do colectivo Arelas, Miguel Vieito, que representa á moza transexual. As “fracturas que sufriu como consecuencia da agresión foron múltiples”, sinalou sobre o seu estado, para engadir que “toda fractura ten un período de recuperación longo e, neste caso é posible, mesmo, que queden secuelas para sempre“.

En relación ás secuelas físicas, apuntou que “se saberá nos próximos meses”, para matizar que no plano “emocional foi vítima dun ataque que pode ter a compoñente de odio e psicoloxicamente iso é devastador“. “Cremos que a vertente psicolóxica vai ser moi importante, para que poida seguir co seu ritmo de vida despois do proceso xudicial”, argumentou o letrado.

Manuel Vieito incidiu en que “é posible que exista ese compoñente de odio” na agresión. Así, subliñou que “neste caso poden concorrer moitos indicios do que a Fiscalía Xeral do Estado chama indicadores de odio, como é a gratuidade do acto que fai pór a sospeita nese compoñente de odio e tamén o propio perfil da vítima“, que é de orixe suramericana.

En canto a que puidese tratarse dun ataque “transfóbico”, o avogado de Arelas matizou que “ela non fixo ningunha declaración nese sentido”.

Finalmente, destacou que “o máis importante é que o caso segue o seu curso”, tras a toma de declaración por videoconferencia á nova, que permanece ingresada no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), por parte da xuíza do Xulgado de Instrución Número 2 de Lugo, Sandra Piñeiro.

INVESTIGADO

Neste caso hai un home investigado por un delito de homicidio en grao de tentativa, quen ten vixente a prohibición de comunicarse e aproximarse á vítima.

O home foi detido pola Policía Nacional por supostamente tirar desde a Muralla de Lugo a esta muller coa que ao parecer discutira tras tomar unhas copas na zona de lecer da cidade e deixala nun patio interior dunha vivenda.

O individuo pasou na tarde do pasado 3 de novembro a disposición do Xulgado de Instrución Número 3 de Lugo acusado de lesións graves e omisión do deber de socorro. Tras comparecer en sede xudicial, quedou en liberdade investigado por tentativa de homicidio, coa prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima e coa obrigación de comparecer semanalmente no xulgado.

Fontes consultadas por Europa Press apuntaron que a familia puxo en coñecemento da Policía Nacional a condición de transexual da muller, feito que “pode ser unha hipótese” do desencadenamento da pelexa que acabou co empuxón desde a Muralla.

Respecto diso, fontes da investigación apuntaron unicamente que “houbo algo entre eles” que levou a unha pelexa e ao empuxón desde uns 12 metros de altura que acabou coa caída da vítima, á que o presunto autor deixou tirada sen socorrela.

A moza quedou tirada no chan en estado grave, segundo o relato policial, cunha perna rota, varias vértebras e unha boneca fracturadas. Posteriormente, ás 7,00 horas un transeúnte que camiñaba polo adarve da Muralla escoitou berros de auxilio e puido localizar o lugar e ver á moza tirada no fondo dun patio interior, co que chamou aos servizos de emerxencias. A vítima nun primeiro momento non lembraba o sucedido e foi trasladada ao Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, onde se recupera.

ÚLTIMAS

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...

Denuncian unha agresión a unha menor durante unha manifestación en Lugo por levar unha bandeira saharauí

Comunidade Saharauí en Galiza presentou unha denuncia pola agresión sufrida por unha menor saharui durante unha...

Unha certificación turística permitirá protexer o ceo nocturno dos Ancares

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu este luns na Casa do Concello...