O pleno da corporación de Lugo reproba ao concelleiro Daniel Piñeiro

Nun tenso pleno no que todas as forzas censuraron a proposta dos populares, a falta de apoios do goberno local conduciu á reprobación

O socialista Daniel Piñeiro, concelleiro de Desenvolvemento Sostible, durante o pleno da corporación local de Lugo no que resultou reprobado | Óscar Bernárdez
O socialista Daniel Piñeiro, concelleiro de Desenvolvemento Sostible, durante o pleno da corporación local de Lugo no que resultou reprobado | Óscar Bernárdez

O pleno da corporación de Lugo aprobou con oito votos a favor, sete en contra e sete abstencións a reprobación do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro. A proposta do Partido Popular enmarcou esta solicitude na citación xudicial do edil por un suposto delito leve contra os recursos naturais, así como na situación dos contratos de xestión das augas, a estación depuradora e a concesión da Fábrica da Luz.

Malia que todas as formacións rexeitaron a manobra dos populares, alegando principalmente que Piñeiro carece de competencias sobre o caso polo que está a ser investigado, a falta de apoio do executivo conduciu á abstención de ACE, BNG, Lugonovo e Cidadáns.

A sesión comezara xa con tensión e expresións de desacordo visibles por parte do voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas (ACE-EU), Carlos Portomeñe, en relación aos aparcadoiros públicos. As explicacións do voceiro municipal, Miguel Fernández, tan só elevaron o ton das críticas da oposición acerca dos procedementos para desenvolver a mobilidade na cidade. Isto levou á primeira intervención da rexedora, Lara Méndez, para defender que foi a falta de apoio aos orzamentos o que retardou este desenrolo.

O representante de ACE-EU, Carlos Portomeñe, durante o pleno de reprobación de Piñeiro | Óscar Bernárdez
O representante de ACE-EU, Carlos Portomeñe, durante o pleno de reprobación de Piñeiro | Óscar Bernárdez

Malia que a proposta do Bloque Nacionalista Galego sobre os aparcadoiros disuasorios saíu adiante coa enmenda do Partido Socialista, o seguinte punto da orde do pleno ocasionou novas hostilidades. E iso, a pesar de que nunha primeira intervención todos os partidos amosaron o seu desacordo coa presentación da moción de reprobación do concelleiro de Daniel Piñeiro auspicidada polo Partido Popular.

Durante a segunda quenda, Portomeñe censurou a falta de cordialidade institucional da alcaldesa, por atender á prensa e retrasar así a súa entrada no pleno. Comparou esta circunstancia co diálogo de Piñeiro en comisión, e recoñecendo as polémicas que acompañaban ao titular de Desenvolvemento Sostible, lembrou que o concelleiro carece de competencias sobre o pozo de tormentas da Garaballa que orixinou os verquidos polos que está investigando.

Este punto de vista foi compartido por Rubén Arroxo, representante do Bloque, a agrupación que lanzou as primeiras investigacións sobre as verteduras. O voceiro nacionalista afirmou que nin a investigación xudicial nin o “oportunismo político no Partido Popular” solucionaría este problema.

Antonio Ameijide, voceiro do Partido Popular, nun intre do pleno | Óscar Bernárdez
Antonio Ameijide, voceiro do Partido Popular, nun intre do pleno | Óscar Bernárdez

De xeito semellante se expresou Olga Louzao, a voceira de Cidadáns. Sen esquecer o que cualificou de “caos procedimental” e as “présas electorais” do goberno local, a quen pediu diálogo e humildade coa totalidade da corporación, Louzao advertiu de que “o PP non pode dar leccións” e polo tanto non compartían no seu grupo a petición de reprobación.

Lugonovo, pola súa banda, pediu ter en conta a democracia da corporación. Tal e como declarou Cristina Pérez Herráiz, a falta de apoios do executivo non debería servir para atacar a un concelleiro e comprometer a gobernabilidade. A reprobación, polo tanto, tería que ser “estrutural” e para tal efecto existe “outra figura que non é a reprobación”. En Lugonovo xustificaron a abstención en que non poden apoiar explicitamente a este goberno, sen compartir a “lexitimidade” da “dinámica preelectoral”.

Dende o grupo socialista, Fernández agradeceu a sinceridade das diferentes formacións, pero replicou duramente ao representante dos populares, Antonio Ameijide. Así, criticou as “formas propias da Alianza Popular do tardofranquismo”, e o que entendeu é un novo exemplo da “actitude torticera”.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, interviu en varias ocasións durante o pleno no que Daniel Piñeiro resultou reprobado | Óscar Bernárdez
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, interviu en varias ocasións durante o pleno no que Daniel Piñeiro resultou reprobado | Óscar Bernárdez

A lea acadou un punto álxido cando o voceiro municipal trouxo ao debate a condena ao Partido Popular no marco da denominada Trama Gürtel e a moción de censura ao anterior goberno central. En resposta, Ameijide elevou a voz para defender que ningún dos integrantes do grupo popular foi investigado, ao contrario do que sucedeu no socialista.

Lamentablemente, a intervención da alcaldesa abriu unha nova discusión con Portomeñe, pola acusación de descortesía. Méndez replicou que o edil de ACE faltara ao respecto á corporación cando non acudiu á reunión da comisión. O aludido respostou indignado contra o que considerou entre outros cualificativos “unha baixeza”, dicindo que todos os presentes sabían que aquela ausencia estivo motivada por unha cuestión familiar. O malestar coa declaración da rexedora, que comezara en defensa do exalcalde López Orozco, foi evidente en todas as formacións.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here