Unha empresa de Lugo investiga un tecido lavable que podería alongar a vida útil das máscaras

O material podería ser desinfectado a altas temperaturas, o que permitiría reutilizar cada unha das pezas de protección.

AMSlab traballa tamén no desenvolvemento de dous kits para a detección do Covid-19. GIMENA BERENGUER / AMSLAB

A escaseza de material de protección ante a COVID-19 urxe solucións. Non foron poucas as empresas galegas que comezaron investigacións neste sentido. En Lugo, a compañía biotecnolóxica AMSlab estuda un novo tecido lavable a alta temperatura que podería permitir a súa desinfección co obxectivo de utilizalo na elaboración de máscaras e alongar a súa vida útil.

Así, esta compañía integrada no Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) realizou ensaios microbiolóxicos para verificar a desinfección do material, que, se resultase efectiva, permitiría reducir o investimento nestes produtos dun só uso.

Nesta liña, o director xeral desta empresa química lucense, Manuel Lolo, sinalou a necesidade de que todos os sectores se impliquen para combater a propagación do virus, ante o que definiu como “unha situación sen precedentes”.

De feito, dita compañía está inmersa tamén no desenvolvemento de dous kits rápidos para a detección da COVID-19. Un deles podería ser empregado dende a casa por calquera persoa, pois non require de coñecementos técnicos previos.

Podes ler máis información no Galicia Confidencial.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here