Axentes da Policía Nacional asistiron a unha menor que se atopaba en situación de desamparo porque tiña medo de acudir á súa casa en Lugo e atopar a nai, que non estaba “en condicións” de coidala.
Segundo relatou a Policía Nacional, unha nena menor de idade chamou á Comisaría e relatou que súa nai lle estaba enviando mensaxes de audio por teléfono con contido “ameazante e inxurioso”.
A patrulla achegouse á zona do domicilio para asistir a rapaza, que “estaba asustada e tiña medo de acudir á casa”.Un dos policías quedou con ela, mentres o resto de axentes se dirixiron ao domicilio da nai para comprobar e verificar os feitos.
Así pois, comprobaron que esta “non se atopa en condicións de coidar a menor nin a ela mesma”, polo que solicitaron a presenza do 061, que decidiu o traslado da muller ao HULA para o seu tratamento. Á súa vez, os axentes levaron a nena ata dependencias policiais.
PROTOCOLO
A Policía Nacional seguiu, daquela, o protocolo de protección a menores. En primeiro lugar informouse de todo o acontecido ao fiscal de Menores para, posteriormente, dar conta ao Técnico do Menor, especialista da Xunta de Galicia, quen determina onde se traslada a menor para que teña un lugar onde pernoitar. Realizadas estas xestións, é a Policía Autonómica quen se responsabiliza do traslado dos menores.