Piden dez anos de cárcere para un axente da Garda Civil de Lugo por maltratar e acosar a súa parella

O acusado usou as súas claves para acceder de maneira ilícita a distintas bases de datos policiais e consultar así información persoal da vítima.

Manifestación contra a violencia de xénero | Miguel Núñez
Manifestación contra a violencia de xénero / © Miguel Núñez

Un axente da Garda Civil de Lugo enfróntase a dez anos de cárcere por maltratar a súa parella. Unha vez concluída a relación, acosouna, ameazouna e mesmo chegou a seguila empregando as bases de datos policiais ás que tiña acceso como membro das forzas da orde.

O xuízo terá lugar o martes na Audiencia Provincial de Lugo, onde J.A.C.F. deberá responder como acusado dun delito de malos tratos habituais, tres delitos de malos tratos, outro delito continuado de ameazas e, por último, un delito de descubrimento e revelación de segredos.

Por todo iso, o Ministerio Público solicita unha pena total de 10 anos de cárcere, ademais da privación de posuír armas durante seis anos e unha multa de 360 euros. Así mesmo, tamén reclama o pago dunha indemnización á vítima de 2.400 euros e a prohibición durante catro anos de aproximarse a menos de 500 metros.

CONTINUAS AMEAZAS

Os feitos remóntanse ao verán de 2015, cando o acusado mantiña unha relación sentimental coa vítima. A finais do mes de xullo, o axente agrediu á súa parella no interior do coche patrulla da Garda Civil.

Segundo relata o escrito de Fiscalía, por mor deste episodio, a vítima decidiu acabar coa relación, aínda que esta non terminou definitivamente ata finais de agosto. Ese mesmo mes, o acusado cometeu unha nova agresión á súa parella, nesta ocasión na Comandancia da Garda Civil de Lugo, onde residía.

Tras o fin da relación, o presunto agresor comezou a enviar mensaxes de Whatsapp nos que insultaba e ameazaba a súa ex parrela. Ademais, durante todo un ano, o axente usou as súas claves para acceder de maneira ilícita a distintas bases de datos policiais para consultar información persoal da vítima.

En xullo de 2016, o xulgado de Instrución número 3 de Lugo prohibiu ao procesado achegarse a menos de 500 metros da denunciante, que padeceu transtornos psicolóxicos a consecuencia dos malos tratos ao que foi sometida.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here