Unha lucense vén de denunciar publicamente nas redes sociais un acto de discriminación que sufriu nun comercio da Rolda da Muralla, en Lugo, polo “simple feito de ser unha muller xitana”. Segundo explica, as dependentas “perseguírona” polo interior do local durante un bo anaco, porque “por ser muller e xitana xa es sospeitosa”, lamentou a afectada.
Os feitos denunciados sucederon na tarde do pasado sábado 18 de xaneiro. Ruth León Gabarri, cantante e activista xitana, acudiu daquela ao establecemento de Perfumerías Arenal que se sitúa na Rolda da Muralla. Segundo explica no vídeo, ela achegouse a unha dependenta para preguntarlle polo produto que ía mercar. Ao serlle dado, continuou camiñando por outras seccións do establecemento, momento no que comezou a notar a presenza de dúas traballadoras que lle seguían os pasos.
“Serán paranoias miñas”, pensaba ela. “Por que me van perseguir? Hai máis mulleres na tenda e non as perseguen”. Con todo, cambiou de corredor para comprobar se as súas sospeitas tiñan fundamento real. As dúas rapazas seguían alí, prosegue Ruth León. Repetiu o movemento noutra ocasión e marchou “para a outra punta”. Ao certificar que a estaban “perseguindo”, a rapaza decidiu dirixirse a unha delas directamente.
Ao preguntarlle se a estaban vixiando, a empregada negou tal cousa. A afectada reclamou a presenza dunha persoa responsable, á que lle trasladou o seu malestar e as súas queixas logo do “acto de discriminación” que acababa de sufrir. Segundo di, o persoal do Arenal xustificou a súa acción dicindo que xa se deran varios casos de mulleres xitanas que tentaran roubar naquel local. “Había máis mulleres na tenda e non as estaban perseguindo. Pero, claro, as outras eran mulleres payas, brancas e privilexiadas. Eu, por ser xitana, xa son sospeitosa“, razoaba Ruth León.
Acto seguido, Ruth León pediu a folla de reclamacións ao tempo que chamou por teléfono á Policía Nacional. Posteriormente, tamén presentou unha denuncia na Comisaría. “Non penso consentir outro acto coma este”, expresou. “Estou cansa de que isto aínda siga pasando, aínda que queiramos pensar que non”.
A VERSIÓN DO ESTABLECEMENTO
Ante esta situación, o persoal do Arenal contestou a preguntas do Lugo Xornal e asegurou que “en ningún momento se vixiou ou acosou” a denunciante. “Sinto que se sentira ofendida, pero esa non foi a nosa intención para nada”, comentaban. Descartaron calquera tipo de discriminación por mor de tratarse dunha muller xitana. “Nós o que queremos é atender ben a xente para que siga vindo”, concluían.
APOIO MASIVO
O vídeo que compartiu Ruth León Gabarri no seu Facebook xa acumula preto de 80.000 visualizacións tres días despois do ocorrido. “Fago este vídeo por todas aquelas mulleres xitanas, negras, racializadas… que sofren calquera tipo de discriminación. Que vaian ás comisarías, que pidan as súas follas de reclamacións!”, reivindicaba a activista.
Á parte do impacto do vídeo en número de reproducións e comentarios de apoio, Ruth León afirma que recibiu reaccións de diferentes lugares do mundo. Asociacións de xitanas de Chile ou Bruselas tamén quixeron trasladarlle o seu agradecemento por ter denunciado estas mostras de “antixitanismo”.