Unha veciña nonaxenaria do Sagrado Corazón cumpre “o seu soño” e inaugura o novo ascensor

O elevador, que fora comprometido "hai doce anos", ten un formato panorámico similar ao outro ascensor das Fontiñas. Salva a distancia entre a Avenida Adolfo Suárez e as inmediacións do colexio, ademais de ter unha parada intermedia á altura da praza da Igrexa.

Liberata Román, de 95 anos, cumpriu hoxe "o seu soño" de inaugurar o ascensor do Sagrado Corazón | Concello

Liberata Rolán, de 95 anos, é veciña do Sagrado Corazón dende o ano 1982. Cando se enterou de que o seu barrio contaría cun ascensor urbano, trasladoulle á alcaldesa de Lugo o seu desexo de ser a primeira persoa en estrealo. Meu dito, meu feito!. Esta mañá, Lara Méndez achegouse ao barrio para inaugurar o elevador da man desta veciña.

“O que para Liberata se converteu nun soño cumprido para min supuxo a consecución dun reto persoal”, dixo a alcaldesa, en referencia aos “innumerables trámites” previos á posta en marcha deste ascensor urbano, xa comprometido “hai doce anos” por anteriores rexedores socialistas.

A infraestrutura comezou a funcionar esta mañá despois de terse incorporado algunhas melloras sobre o proxecto inicial, a suxestión da veciñanza. Segundo Lara Méndez, iso ocasionou que as obras, comezadas no segundo trimestre de 2019, se prolongaran.

CARACTERÍSTICAS DO ASCENSOR

“O ascensor, ao igual que o das Fontiñas, ten formato panorámico, posibilitando as vistas dende o interior. Escolleuse así unha estética fermosa e moderna que se integrara ben na paisaxe e que fixera agradable tamén a súa utilización”, presumiu a rexedora de Lugo.

Explicou que o sistema de embarque, na Avenida Adolfo Suárez, se corresponde coa porta sur. O de desembarque, a once metros de altura, correspóndese coa porta norte, xunto ao salón de actos do colexio. Ten, ademais, unha parada intermedia, a unha cota de 6’75 metros, xusto ao nivel da praza da Igrexa, á que se chega a través dunha pasarela.

Segundo a alcaldesa, a instalación, na que se investiron 240.000 euros, “beneficiará, sobre todo, ao milleiro de habitantes que residen nesta parte da capital” e contribuirá a incrementar a súa comodidade. “Especialmente a dos maiores, aínda que tamén reverterá no resto de usuarios que acoden ao CEIP, ao ambulatorio e ao centro de convivencia”, engadiu.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here