Lugo investirá máis de 250.000 euros en promocionar o Caudal Fest

O obxectivo é "consolidar ou superar o retorno mediático e económico do ano pasado, cifrado en 3 millóns de euros", segundo o Concello. Xoel López, La M.O.D.A ou Carolina Durante son algúns dos nomes que enchen o cartel e para cuxos concertos xa se venderon o 80% das entradas.

Público no Caudal Fest | Emilio Romanos
Público no Caudal Fest | Emilio Romanos

O Concello de Lugo, a través da súa área de Desenvolvemento Local, asinará un contrato de patrocinio publicitario por importe de 257.000 euros para potenciar o festival Caudal Fest e a “marca Lugo” a nivel “galego, estatal e internacional”.

Este mércores, na xunta de goberno local, aprobaranse as cláusulas administrativas e técnicas, así como a adxudicación por procedemento negociado por publicidade. Segundo explican dende o Concello, o importe do investimento baséase no informe xustificativo da rendibilidade do plan de medios do Caudal Fest, elaborado por unha empresa externa independente tras estudar o retorno publicitario da edición anterior.

AS CIFRAS DA PRIMEIRA EDICIÓN: 22.000 PERSOAS E TRES MILLÓNS DE EUROS

O edil da área de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, precisou que “se recorre a un negociado sen publicidade porque é a figura que permite a lei naqueles supostos en que, por razóns técnicas ou artísticas ou por motivos relacionados coa protección de dereitos de exclusiva, o contrato só se pode encomendar a un empresario determinado”.  Neste caso, a empresa que ten a marca rexistrada do Caudal Fest e desenvolve a súa organización é Old Navy Port Producións, a mesma de festivais como O Son do Camiño ou o Resurrection Fest. O obxectivo deste contrato é “consolidar ou superar o retorno mediático e económico do ano pasado, cifrado en 3 millóns de euros”.

Así mesmo, desde o Concello lucense lembraron que o ano pasado —primeira edición do festival—  a cidade de Lugo apareceu “en máis dun centenar de medios, impresos e dixitais, que alcanzaron unha audiencia total de 15,8 millóns de persoas”. En canto ao evento en si, o Caudal Fest 2018 acolleu a un total de 22.000 persoas. Este ano, a menos dun mes da celebración do festival—os días 20 e 21 de setembro—, despacháronse xa un 80% das entradas.

OS ARTISTAS

Os cabezas de cartel serán os madrileños Izal e os navarros Marea, que estarán acompañados polo coruñés Xoel López, os lucenses Holywater e outros grandes nomes do panorama nacional, como Carolina Durante, La Pegatina, La M.O.D.A. ou o rapero ToteKing. EFE

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here