InicioEconomíaOs pequenos comercios do centro de Lugo falan claro: "Non hai proxecto...

Os pequenos comercios do centro de Lugo falan claro: “Non hai proxecto de cidade”

O casco histórico de Lugo non está a pasar polo seu mellor momento. As grandes cadeas pechan os seus locais e ás pequenas empresas cústalles subsistir nun contexto no que non se lles poñen as cousas doadas: demandan máis investimento nas rúas do centro, adecentar os edificios, solucionar os problemas de estacionamento e implantar medidas que incentiven o ocio dentro da Muralla. Nesta peza, falamos con varias persoas que rexentan un comercio de moda no centro da cidade. Velaí o que pensan.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O comercio do casco histórico de Lugo anda en horas baixas. Os carteis que anuncian locais en aluguer vanse sucedendo e a afluencia de clientela non é moi alentadora. Nos últimos días coñecemos o peche de Pull&Bear, na rúa da Raíña, así como as intencións de reproducir o movemento por parte de Amichi. As grandes compañías foxen do casco histórico de Lugo. Por que? Atopan trabas? Se elas baten con dificultades, peor ha de ser o camiño das pequenas empresas. Falamos con catro persoas cuxos negocios de moda resisten no casco histórico de Lugo ou nos seus arredores. Velaquí as súas consideracións.

“Que baixen os alugueres”, propoñía rapidamente unha dependenta como maneira de incentivar o comercio miúdo. “Hai moito local baleiro. A xente tírase cos prezos. Baixa o aluguer, xa verás como alugas! Pero prefiren telo parado… Temos que arrimar o ombreiro entre todos, tanto os donos como os empresarios e as institucións”. Esta rapaza, que traballa nunha tenda de roupa na rúa San Pedro, coida que, se cadra, o elevado importe desas rendas é o que provoca a marcha de empresas cara a outras superficies.

“Eles poden pagar!, non teñen problema”, contrapoñía unha parella de emprendedores. Eles, coma o resto de entrevistados, prefiren manter o anonimato para non saíren “perxudicados”. Cren que o problema non reside unicamente nos alugueres, senón que sinalan unha cuestión estrutural de “mala xestión do centro”. O que se precisa, segundo din, é alimentar que a veciñanza faga vida nestas rúas para que aumente o número de posibles clientes. No verán, os turistas enchen o espazo intramurallas, pero “os sábados de inverno, por exemplo, dá pena ver isto. Está morto”.

Coinciden en que cómpre fomentar o ocio no casco histórico e humanizar os espazos urbanísticos para alentar a xente a pasear por esa zona. O Arde Lucus e o San Froilán están moi ben, dicía unha terceira empresaria, pero só funcionan durante uns días moi concretos. Necesítanse estratexias que perduren no tempo para manter as rúas vivas todo o ano.

REVERTER O ABANDONO DOS EDIFICIOS

Para iso, todos coinciden na importancia de investir na mellora das infraestruturas do centro. “A Rúa Nova, que ten moitísimo potencial, está chea de edificios en ruínas. Os proxectos están paralizados dende hai moitísimos anos, semellan esquecidos”, queixábanse. Demandan unha maior axilidade á hora de conceder licenzas para rehabilitar este tipo de edificacións, porque “hai veces que sentes que tes que pelexar co mundo” para conseguilo. Os prazos dilátanse no tempo e iso non anima a emprender o procedemento. “Faltan subvencións, as taxas son moi altas e o PEPRI (Plan Especial de Protección e Reforma Interior) está obsoleto”.

Cartel que informa sobre un edificio en ruínas na rúa San Pedro, en pleno casco histórico de Lugo. | LX

Cren que dende o Concello se deberían facilitar os trámites para levar adiante estas melloras. E é que ter unha cidade ben coidada e visualmente atractiva ten un efecto positivo sobre a economía local. “En Ribadeo, por exemplo, esíxese que os donos dos edificios adecenten a fachada dianteira e traseira. Como mínimo, deberían esixir iso”, pensan. Unha das propostas é a de renovar esas paredes da man de artistas graffiteiros, coma ocorre en Ordes. O seu traballo embelecería os edificios e funcionaría en si mesmo coma un reclamo máis para os visitantes. Ampliar os espazos verdes no centro, apoiar o Mercado de Abastos ou incidir na limpeza dunha cidade “cada vez máis sucia” serían outros puntos a ter en conta.

Neste senso, Pontevedra actúa coma un espello no que se mirar. A cidade do Lérez presenta un dos modelos “máis exitosos”, cunha firme aposta pola peonalización e pola conexión entre barrios. Aínda que aquí non hai consenso no referido á prohibición total de tráfico, si que hai unha idea común: a necesidade de crear espazos pensados para facer máis agradable a vida da veciñanza. Se cadra deberíase manter a circulación de coches na Rolda da Muralla, comentaba unha das empresarias, porque é unha das vías de acceso máis importantes, pero si que vía necesario “humanizar” outras áreas.

OPOSICIÓN AO TRASLADO DA ESTACIÓN DE BUSES

Todas as propostas se dirixen a aumentar a afluencia de cidadáns e turistas no casco histórico de Lugo. Por ese mesmo motivo tamén se percibe unha grande oposición ao plan de trasladar a estación de autobuses cara á futura intermodal. “Non hai proxecto de cidade para Lugo. Por un lado, presúmese de querer peonalizar o centro. Polo outro, queren levar a estación de autobuses para unha zona pouco accesible, polo que a xente verase obrigada a coller outro vehículo para chegar ao centro”, denuncian.

“É unha loucura”, coincidía outra comerciante, “a ubicación actual da estación é perfecta, porque os visitantes ou as persoas que viven en vilas chegan e xa están no propio centro de Lugo”. Aínda por riba, lamenta, “din que queren facer aí unha praza”. Aos seus ollos, sería moito máis útil aproveitar para construír unha zona de aparcamento, un dos grandes problemas que ve a día de hoxe na cidade.

A tenda que rexenta está situada nunha zona de paso cara ao centro, pero non alcanza a estar dentro da Muralla. Sendo así, explica que a suspensión do servizo ORA é unha das trabas que máis lle afectan. “Dinmo os propios clientes! Veñen co coche e queren aparcar, pero como está todo ocupado… Dan unha volta, dúas, tres… Á cuarta xa desisten e van para As Termas. Saben que alí hai prazas de aparcamento aseguradas“. Malia que a paralización deste sistema se prevía temporal, xa se arrastran catro anos con este problema para estacionar.

COMO LLES AFECTA A MARCHA DAS GRANDES CADEAS?

Ademais de todas estas dificultades que sinalan, súmase outra (imprevista?): o peche desas franquicias ás que faciamos alusión ao inicio desta peza. A rúa da Raíña, que sempre fora o eixe sobre o que se movían cadeas como Inditex, está practicamente irrecoñecible dende hai uns anos.

“Nós non podemos competir con esas empresas, temos que meternos iso na cabeza. Pero teñen que estar aí porque son un reclamo para a xente”, sostiña unha das entrevistadas. Coma se dunha conversa a tres tempos se tratase, os outros compañeiros de profesión coincidían: “É un modelo distinto co que non nos podemos comparar, pero si que son un atractivo para os clientes e seguramente notemos unha baixada de clientela se isto segue así”. Do mesmo xeito: “Que pechen nunca é bo, porque se a xente vén a unha tenda, tamén visita as outras. Se hai menos tendas no centro, está claro que van ir máis aos centros comerciais. E iso que no local onde estaba Oysho xa montaron un negocio de carcasas para móbiles… Durará dous telexornais, xa cho digo”.

Paradoxicamente, vaise enchendo a cidade de baleiro. Locais en desuso e reixas baixadas. Os que aínda teñen a forza de abrir cada día non ven as cousas fáciles de cara ao futuro. “A cidade de Lugo é a gran descoñecida e abandonada de Galicia“, afirmaba unha das rapazas. Temos un patrimonio moi rico que podería funcionar coma unha forte atracción para o comercio local, pero non se actúa en consecuencia. E das bocas dos comerciantes sae unha frase que se repite unha e outra vez: “É unha mágoa”.

ÚLTIMAS

Nova oficina do SEPE en Lugo, pola que pasarán 27.000 veciños ao ano

A antiga Escola de Enfermaría de Lugo acolle a nova oficina do SEPE na...

Conmemoran a batalla do Porto de Bois e reivindican “Altri non”

Coincidindo coa xornada de conmemoración da batalla de Porto de Bois, xuntouse un grupo...

Lugo rexistra un terremoto de magnitude 3.6 que se fixo notar

Un terremoto de magnitude 3,7 na escala de Richter con epicentro en Sarria foi...

Un policía local de Lugo fóra de servizo practica un RCP e sálvalle a vida

Un policía local de Lugo que se atopaba fóra de servizo practicou unha manobra de...