O custo da corporación municipal elévase a 1,1 millóns de euros anuais

A proposta de organización foi aprobada por unanimidade, malia que Partido Popular e Ciudadanos denunciaron a súa falta de negociación, que "amordaza" a oposición

Pleno de organización do Concello de Lugo | Europa Press

Os grupos do Concello de Lugo aprobaron este venres por unanimidade a proposta do goberno bipartito para a organización da corporación, que inclúe 15 dedicacións exclusivas. Delas, 12 son para o goberno, dúas para o PP e outra para Ciudadanos. Esta repartición e mais o custo de asesores supón un importe anual de 1,1 millóns de euros.

Aíinda que Ciudadanos e o PP criticaron a medida pola súa falta de negociación, remataron por votar a favor nun pleno rápido grazas á unanimidade lograda. Tampouco houbo división de voto na proposta para a convocatoria das sesións o último xoves do mes, a partir das 10 da mañá. Con todo, o popular Ramón Carballo mostrouse crítico ao entender que ese horario non facilita a asistencia de público.

INTERVENCIÓNS DOS GRUPOS

A voceira de Ciudadanos, Olga Louzao, mostrou o seu desexo de que, “polo ben da cidade”, os vindeiros catro anos “non teñan nada que ver co desgoberno da última lexislatura”. Ademais, afeou a falta de diálogo do goberno municipal para trasladar as propostas en tempo para ser negociadas e non “como feitos consumados”.

Pola súa banda, o portavoz do BNG e primeiro tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, destacou que “se abre unha nova etapa” na que tanto o goberno como a oposición teñen a “responsabilidade” de “cumprir cos compromisos asumidos cos veciños”. Así, avanzou que asumirán retos como “unha mobilidade sustentable ligada ao transporte público”, o avance nas peonalizacións, conseguir unha cultura dinámica e conseguir unha cidade viva e máis sustentable”.

Así mesmo, o voceiro do PSOE, Miguel Fernández, subliñou que o de hoxe é “un día importante para Lugo”, xa que se inicia unha etapa que ten como obxectivo seguir mellorando e transformando esta cidade”.

Polo contrario, o portavoz do PP, Ramón Carballo, considerou que o goberno bipartito empeza “mal” ao tentar “amordazar” a oposición e deixala “sen medios para poder desenvolver” o seu traballo.

A encargada de pechar as intervencións foi a rexedora, Lara Méndez, quen deu a “benvida a todos e a todas, neste novo ciclo político” que se inicia. Ademais, asegurou que o goberno local traballa xa desde o pasado día 15 e negou que se “paralizase nada”. “De feito xa tivemos a primeira xunta de goberno”, dixo, “non empezamos no día de hoxe senón que xa levamos traballando todos estes días”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here