Críticas da Xunta ao que chaman “salto perigoso” de Fomento sobre a intermodal de Lugo

O Goberno galego reprocha que nin o Executivo central nin o Concello de Lugo responderon á proposta de convenio remitida pola Xunta.

Recreación da Intermodal de Lugo / xunta.gal

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, cargou este mércores contra o “salto perigoso” do Ministerio de Fomento tras aprobar Adif por máis de 1,1 millóns de euros a licitación da redacción do proxecto da nova estación de tren e un aparcadoiro subterráneo no marco da futura intermodal.

En declaracións aos medios en Santiago, Ethel Vázquez censurou esta decisión do Ministerio en relación cun proxecto do que non se sabe “como se vai a pagar nin como se van a resolver as incompatibilidades urbanísticas”.

Deste xeito, a conselleira afea que o PSOE “está a cometer os mesmo erros que cometeu no pasado” con outras intermodais. A Xunta remarca que os proxectos deben partir dun acordo entre as administracións con competencias.

Así mesmo, o Goberno galego reprocha que nin o Executivo central nin o Concello de Lugo responderon á proposta de convenio remitida pola Xunta. De tal forma, lamenta que se descoñece como se vai a financiar, como se vai a facer a integración urbana e o aparcadoiro da intermodal, así como cal será a forma de resolver a incompatibilidade da PXOM para cumprir co anuncio de iniciar as obras en 2020.