Lara Méndez pídelle á dirección do PSdeG “liberdade absoluta” para facer as súas listas

"Cando falamos de candidaturas municipais, a capacidade do candidato para elaborar o seu equipo e afrontar catro anos de goberno ten que ser absoluta", asegura.

Lara Méndez | Óscar Bernárdez
Lara Méndez no CEI Nodus durante o Demoday | Óscar Bernárdez

EFE. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que esta noite presentará a súa lista á Executiva Local do partido e mañá someteraa ao referendo da asemblea, defendeu hoxe a “liberdade absoluta” coa que teñen que traballar os candidatos ás respectivas alcaldías para conformar o seu equipo de traballo e elixir as persoas que completarán esas candidaturas.

“Xa coñecen a miña opinión”, dixo ao ser preguntada polos medios de comunicación antes de entrar no pleno de Lugo, porque “cando falamos de candidaturas municipais, a capacidade do candidato para elaborar o seu equipo e afrontar catro anos de goberno ten que ser absoluta”. Nese sentido, asegurou que confía “no bo facer do partido”.

En canto á lista, non quixo desvelar ningún dos nomes que completarán a candidatura do Partido Socialista no municipio de Lugo, pero si dixo que “a política son etapas. Poden ser etapas de catro, oito ou doce anos. De prestar servizo nun sitio e continuar noutro sitio. O que se trata é de seguir achegando”.

Nese sentido, confirmou que nesa lista haberá “xente que empeza unha nova etapa” e que a afronta como “un reto de futuro”. “É complicado porque temos grandes recursos humanos no noso partido, moitos homes e mulleres capacitados, válidos. Tentamos presentar os mellores perfís para implementar os distintos programas que temos iniciados e queremos completar neste segundo mandato”, concluíu.

Lara Méndez quixo aclarar que se sente “tremendamente satisfeita” coa lista electoral que mañá presentará na asemblea local do PSOE.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here