InicioAncaresManuel Martínez, de dirixente socialista a querer emular ao PNV

Manuel Martínez, de dirixente socialista a querer emular ao PNV

Manuel Martínez recoñece que nas xerais votará ao PSOE, partido do que foi expulsado hai un ano tras 40 anos de militancia.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O alcalde de Becerreá (Lugo), o exsocialsita Manuel Martínez, presentou a súa nova marca política, Galiciasempre, coa que se presentará ás próximas eleccións municipais co obxectivo de revalidar a Alcaldía que ostenta do ano 2007 e lograr un asento na Deputación de Lugo, onde chegou a ocupar a Vicepresidencia ata que o seu enfrontamento co presidente provincial, Darío Campos, derivou na súa expulsión do goberno e do propio Partido Socialista.

Martínez rexistrou no Ministerio do Interior a súa nova marca electoral, coa que emular “ao PNV”, recoller votos a “esquerda e dereita” e deixar ao carón “os extremismos”, segundo recoñeceu o deputado non adscrito na Deputación de Lugo.

O rexedor presentou este luns a súa nova marca nunha rolda de prensa na que recoñeceu que nas próximas eleccións xerais votará ao que foi o seu partido durante 40 anos, aínda que tamén aproveitou para lanzar críticas cara ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

“En principio vou votar (nas xerais do 28 de abril). Probablemente votarei ao Partido Socialista, cun índice de probabilidades do 99 por cento. Para o senado si que non vou votar aos 3 senadores socialistas, só votarei a dous. A Raposo (alcalde de Pedrafita) vouno a votar”, asegurou.

No entanto, Manuel Martínez cargou contra Pedro Sánchez, de quen afirmou que xa “non” cría nel cando aínda era militante no PSOE. “Unha persoa que se lle encheu a boca e predicou que os militantes ían decidir e a mandar, e desde que está de presidente do Goberno e de secretario xeral os militantes están de adorno”, apuntou.

RECOÑECE CONTACTOS CON PACHI VÁZQUEZ

Na rolda de prensa, Manuel Martínez recoñeceu que mantivo contactos co exsecretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, que promoveu a creación do partido Espazo Común, que é unha formación “similar” a Galiciasempre.

“Se non tivese cobertura, (Pachi Vázquez) sabe que ten estas siglas á súa disposición, como tamén eu, se non houbese este partido (Galiciasempre), utilizaría Espazo Común”, aseverou.

Martínez admitiu que mantivo varias “reunións” con Vázquez –“un par delas”– e avanzou que “esta semana probablemente” volverán a mentener un encontro. “A disposición un do outro, somos dous proxectos similares”, recoñeceu.

CANDIDATURAS EN VARIOS MUNICIPIOS

Así as cousas, Galiciasempre estuda presentar candidaturas en varios muncipios da provincia de Lugo, incluído o da capital provincial que, segundo avanzou Martínez, contará “cunha muller” como cabeza de lista, aínda que ata que non se peche a candidatura, non se dará a coñecer.

Manuel Martínez indicou que o seu novo partido aspira a lograr “dous ou tres alcaldías” nas próximas municipais, nas que tamén pretende alcanzar un posto na Deputación de Lugo. Para iso, Galiciasempre presentarase nos concellos de Becerreá, Lugo, Sarria e Burela. Tamén baralla facelo no Páramo e Viveiro.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...