Os oficiais ameazados con expediente en Lugo comparan a Lara Méndez con Franco e din que tivo un “calentón” con eles

"Supoño que pensou que era o Generalísimo", di o portavoz sindical dos policías locais, en relación á reunión que mantivo con eles.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, interviu en varias ocasións durante o pleno no que Daniel Piñeiro resultou reprobado | Óscar Bernárdez
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, interviu en varias ocasións durante o pleno no que Daniel Piñeiro resultou reprobado | Óscar Bernárdez

O delegado da CSIF na Policía Local de Lugo, o cabo Benito Martínez, negou os insultos denunciados pola alcaldesa Lara Méndez este xoves, supostamente por parte de oficiais do corpo no marco dunha reunión con motivo da reorganización de efectivos do corpo, tras as prexubilacións de 26 axentes.

O Concello de Lugo sinalou, a posteriori e ante estes feitos, que abrirá un expediente disciplinario aos asistentes á reunión, ao tratarse dunha actitude “intolerable”. Martínez insistiu, respecto diso, en que “catro dos seis oficiais” que asistiron ao encontro “nin sequera abriron a boca” nesa reunión.

“Supoño que ao pensar (a alcaldesa) que era o Generalísimo ante unhas tropas diante esa insubordinación que pensou nun primeiro momento, que era constitutiva de delito, sentoulle moi mal. Despois tivo que saír dese problema mencionando uns supostos insultos, e que non os houbo por suposto”, ironizou.

Así, acusou a Méndez de faltar á verdade, ao sinalar que a reorganización de efectivos “sempre se fixo por decreto”, cousa que “é mentira”.

Non é só mover algúns efectivos, senón que anula unidades creadas na época de Orozco, como a Patrulla Verde e o Gabinete de Tráfico que no seu momento Orozco tivo a deferencia de levalo á mesa de negociación e logo foi a pleno, co cal non se fixo por decreto”. “O que ela desfai hoxe estaba aprobado en mesa de negociación e en pleno”, insistiu.

Finalmente, considerou que o expediente non prosperará, dado que para iso “ten que haber unha infracción” e atribuíu esta situación a un “calentón” da alcaldesa. “Non imos ir ao xulgado por calumnias ao atribuírnos insultos nunha reunión onde non houbo nada diso”, concluíu.