O empresariado pide celebrar mercados os sábados na Praza de Abastos

Lugo Monumental prega ao Concello que permita realizar mercados de produtos locais na Praza de Abastos, liberar os postos baleiros e rematar as obras

Praza de Abastos, na rúa Quiroga Ballesteros
Praza de Abastos, na rúa Quiroga Ballesteros

A asociación Lugo Monumental rexistrará un escrito no Concello de Lugo para solicitar a celebración de mercados na Praza de Abastos en sábado, transmitindo deste xeito a demanda de vendedores e clientes. Dende a patronal explican que nos martes e venres o horario laboral complica a compra, e que a opción dos sábados obtivo un respaldo unánime entre quen ofrecen os produtos semanalmente, e que ven con interese incrementar a afluencia nunha xornada pouco dinámica.

Ao respecto de mover un dos días de mercado, Lugo Monumental considera que a decisión compete á administración local. Aliás, defenden engadir o sábado sen prexuízo doutra das xornadas, deixando tres días de mercado na Praza de Abastos.

Por outra banda, o empresariado do casco vello reitera as demandas de rematar a obra no andar inferior da Praza de Abastos; equipar o edificio con internet inalámbrico, por ser hogano o único de titularidade pública sen wifi; dispor a prol dos interesados os postos baleiros; e revisar a climatización do inmoble.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here