A razón do descenso de mulleres nas titulacións técnicas de Lugo

Ana Isabel García Arias, coordinadora da Comisión de Igualdade de Xénero na EPSE de Lugo, disecciona a menor presenza de mulleres nas enxeñarías

Xornada 'Mulleres, Ciencias e Tecnoloxía' na EPSE de Lugo | USC
Xornada 'Mulleres, Ciencias e Tecnoloxía' na EPSE de Lugo | USC

En 2015, as Nacións Unidas advertiron da desigualdade crecente da muller na sociedade da información pola falta de representación nos estudos técnicos. O Campus Terra de Lugo, especializado nas enxeñarías agroforestais e agroalimentarias, civil e do medio natural, é representativo desta eiva. Por iso é tan positivo o éxito da xornada Mulleres, Ciencias e Tecnoloxía, un foro moderado por pola profesora da Escola Politécnica Ana Isabel García Arias.

Foi tal a afluencia, que a organización –a Comisión de Igualdade de Xénero da EPS de Enxeñaría canda o Concello– tivo que trasladar o acto da Sala de Xuntas ao Salón de Actos. Á xornada seguirá o programa ‘Protagonistas, as enxeñeiras’, accións diversas acerca de cuestións vencelladas ás titulacións do Campus Terra. O obxectivo, que a muller goce dunha presenza e de protagonismo en situación de igualdade respecto dos homes no mundo da tecnoloxía.

O Campus Terra está pensado por e para homes?

Non, non o considero. Ofrece multitude de titulacións, que teñen un número variable de homes e mulleres. Os sesgos, se os hai, non se deben a que estea construído dun xeito ou doutro, senón a outro tipo de causas. Os mesmos sesgos que poden ter as enxeñarías de Lugo existen nestas titulacións da maioría dos campus de toda España. O feito de que só o 25 por cento do alumnado das escolas técnicas españolas sexan mulleres é algo global.

Campus Terra, en Lugo | USC
Campus Terra, en Lugo | USC

Hai anos estabamos na Escola Politécnica por encima da media estatal. En Enxeñaría Agrícola, no curso 2015/16, o corenta por cento dos matriculados eran mulleres. O preocupante é que na baixada de matrículas en todo o sistema universitario, como recolle o informe do Ministerio publicado o luns, o descenso maior prodúcese no ámbito das mulleres nas escolas técnicas. É algo xeralizado.

En particular, en Enxeñaría Agrícola –máis feminizada, que ten maior participación de mulleres– agora mesmo estaremos apenas por enriba do trinta por cento, cando tiñamos cifras moito mellores. En Enxeñaría Civil temos neste momento menor presenza de alumnas, é un sesgo que se ve noutros campus.

No profesorado que imparte docencia nos títulos de enxeñaría, a representación de mulleres é do 8 por cento. Por que é tan baixa?

Explícase pola idade media do profesorado, que ronda os 50 anos. É xente que accedeu á universidade en tempos nos que a masculinización era máis importante.

E isto estase a corrixir?

Semellaba que estaba a corrixirse. O acceso das mulleres á universidade, nos últimos tres e catro cursos, de novo perde peso. Parece que volvemos a ter menor presenza nas titulacións técnicas; iso afecta, evidentemente, dez, vinte anos máis tarde, ao número de profesionais que poden estar dando clase ou exercendo o seu traballo nas empresas.

Están identificados os factores para o descenso de matriculacións de alumnas?

O informe do Ministerio, e algúns outros que están a saír, mencionan a pervivencia dos estereotipos de xénero, que dalgún xeito están presentes nas etapas máis temperás da educación. Onde parece ser que detectan que comeza ese sesgo, é na adolescencia, nos primeiros cursos de Secundaria. As mozas empezan a orientarse cara a disciplinas máis de Humanidades e Ciencias Sociais, mentres os homes se decantan polo ensino técnico.

Por iso falamos de que existen estereotipos. Dalgún xeito, condicionan a elección. A Universidad Autónoma de Madrid fixo estudos para ver as posicións declaradas das rapazas sobre o que realmente lles gustaba, porque en canto ás calificacións non hai ningunha percepción de que vaian mal, seguen obtendo cualificacións moi boas en matemáticas ou física.

Sen embargo, os investigadores observaron que nas percepcións declaradas as nenas terminaban por dicir que non lles gustaba algo que si lles gustaba por non ser as rariñas. Por non destacarse sobre o resto nesa idade tan difícil, na que non queremos destacar para nada, parece ser que se gostas das matemáticas es un bicho raro.

Finalmente tes unha serie de estereotipos cos que é difícil rachar, pero aí estamos, estanse a romper con accións coma as que temos previstas para marzo, as mesas redondas que estamos a realizar, ou o programa que sacamos dende a Comisión de Igualdade de Xénero de Protagonistas, as enxeñeiras. Son accións para romper cos estereotipos, para que a xente elixa o que de verdade quere facer.

Moderaches a mesa de debate Visibilizando referentes, promovendo vocacións femininas. Que conclusións podemos extraer?

Do que máis se falou foi das fórmulas para demostrar que non pasa nada por querer ser enxeñeira, tecnóloga ou informática. E que acción ten que estar na educación secundaria, onde se definen as vocacións. Debemos orientar as rapazas cara aquilo que lles pode gustar, para que non desboten as titulacións técnicas.

Que non pensen que por non haber poucas mulleres en informática, esa non é a súa carreira. Ou o mesmo en Enxeñaría Civil. Ou porque despois de poñer en Google a palabra enxeñeiro industrial lle aparezan homes. O desmonte deses estereotipos é a liña na que hai que traballar.

De aí a importancia de visibilizar os referentes neses eidos.

Como podemos facelo? A nosa proposta é mostrarnos como o que somos: hai mulleres traballando, somos técnicas, e debemos amosar o noso traballo visibilizando que facemos o noso traballo con toda a normalidade. Que nos visibilicen exercendo estas profesións.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here