Polémica polo reclamo comercial do Hiper Froiz no trazado do Camiño

Un informe do Concello reclamado por Lugonovo confirma que os rótulos do Hiper Froiz en Montero Ríos son ilegalizables, con posible sanción de ata 60.000 euros

O Hiper Froiz de Montero Ríos coincide coa traza do Camiño Primitivo | Lugonovo
O Hiper Froiz de Montero Ríos coincide coa traza do Camiño Primitivo | Lugonovo

Os reclamos comerciais do Hiper Froiz de Montero Ríos son ilegais. Esa é a conclusión do informe municipal redactado a consecuencia da denuncia de Lugonovo, que puxo en coñecemento do Concello as irregularidades dos rótulos ubicados no Carril das Flores, parte da traza histórica do Camiño Primitivo.

A categoría deste ben comporta condicións específicas na disposición dos anuncios, mais a empresa non dispón do título habilitante para a instalación realizada no Hiper Froiz. Segundo Víctor Álvarez, un dos responsables de Lugonovo, “o  informe municipal é sumamente esclarecedor: ata o momento non foi presentada documentación algunha para regularizalos ou para solicitar a súa colocación nesa ubicación”. 

En calquera caso, o Froiz nunca obtería ese permiso, pois os letreiros incumpren as previsións do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A escasos metros da Muralla, o cartel principal sobresae do propio edificio, tapando parte dos arcos da fachada, “sen axustarse nin ás dimensións nin ás cores esixidas pola normativa local”. Un segundo reclamo, que sinaliza o aparcadoiro no Carril das Flores, é asemade ilegalizable.

Lugonovo

A situación foi denunciada en decembro, cando Lugonovo rexistrou unha serie de preguntas sobre os permisos e as posibles sancións. “Tíñamos moitas dúbidas da lexitimidade destes anuncios –explica Álvarez–,  e, ante a relaxación de funcións á que xa nos ten acostumados o equipo de goberno, asumimos nós a protección do noso patrimonio”.

Así, o Concello confirmou á formación que o Froiz carece da autorización, unha infracción grave que podería comportar sancións de entre 6.000 e 60.000 euros. “A nosa consulta derivou nun procedemento administrativo e, nestes momentos xa se atopa en trámite un expediente de restauración da legalidade urbanística, conforme á Lei do Solo de Galicia”, precisou o edil de Lugonovo, que insta á administración “a actuar con dilixencia”. 

O Concello conclúe o trámite chave para reformar o recanto de San Roque

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here