O Poder Xudicial replica as alegacións de Pilar de Lara nun contrainforme

O promotor de acción disciplinaria contra a titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo corrixe o informe inicial e rexeita as alegacións de De Lara

A xuíza Pilar de Lara | EFE
A xuíza Pilar de Lara | EFE

A maxistrada Pilar de Lara terá que responder a un novo informe do Poder Xudicial no marco do expediente aberto por atrasos indebidos. O promotor da acción disciplinaria enmenda o primeiro informe, aquel que dera paso á inspección extraordinaria, e rexeita asemade as alegacións realizadas contra o escrito inicial pola titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo.

O representante legal da xuíza, Agustín Azparren, confirmou a recepción dun contrainforme da inspección que fixera a visita extraordinaria ao Xulgado, achando logo de duas semanas de pescudas atrasos inexplicables en varias macrocausas. Daquela, os inspectores do Consello Xeral do Poder Xudicial emitiran un primeiro escrito que foi contestado por De Lara, advertindo de imprecisións nas datas e incluso nos temas que se imputaban á maxistrada.

De Lara remitiu as alegacións contra este informe coincidindo coa declaración perante o promotor da acción disciplinaria, no mes de novembro. Mais, nun “trámite non previsto no expediente”, o responsable do expediente enviou un contrainforme, corrixindo parte das eivas que sinalara a xuíza de instrución, e pedindo que se conteste novamente. Azparren adiantou que a resposta chegará nas vindeiras horas.

Con anterioridade, o promotor da investigación no seo da xudicatura denegou as probas presentadas pola defensa de Pilar de Lara, e que incluían os testemuños de dous inspectores do propio órgano de administración de xustiza. Estes estaban a cargo do seguimento do Xulgado de Instrución e foron responsables das tres últimas inspeccións ordinarias, entre 2013 e 2014. Segundo Azparren, amosaran unha valoración “moi positiva”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here