InicioSociedadeO pleno rexeita dar un cupo a exmilitares na Policía Local de...

O pleno rexeita dar un cupo a exmilitares na Policía Local de Lugo

Unha das bandeiras de Ciudadanos a nivel estatal bate contra as singularidades que o resto de grupos aprecian na cidade de Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

Presentábase coma unha fórmula que reforzaría á Policía Local a través dunha segunda oportunidade para a un sector precarizado. A introdución dunha cota para exmilitares nos procesos selectivos, estandarte das políticas estatais de Ciudadanos, recibiu a clara negativa de todos os grupos da corporación lucense. O destino da moción, que ampliaría as funcións do corpo policial, puido ser outro de eliminar o propoñente o punto máis polémico, mais o ofrecemento foi declinado. Finalmente a iniciativa resultou rexeitada con unicamente dous votos a favor.

A idea non é nova nin é patrimonio de Ciudadanos, aínda que foi este partido o  primeiro en apostar por ela en todo o estado, modificando de paso certas premisas. De xeito resumido, a proposta incluía reservar unha porcentaxe das prazas nos procesos selectivos para a tropa e marinería que, sen posibilidade de ascender de categoría na carreira militar, queda fora das Forzas Armadas a determinada idade.

Como lembrou Olga Louzao, voceira e candidata de Ciudadanos, a saída da Policía Local foi proposta pola Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) e impulsado polo Ministerio de Defensa, en resposta á precarización sen resolver deste segmento militar. Posto que Lugo ten un déficit de efectivos na Policía Local, por unha taxa de reposición insuficiente, na teoría ambos problemas podían ter resolución común.

Louzao censurou no resto de grupos o “absoluto descoñecemento” e o “afán de contaminar” as propostas da formación, incluída a cota para militares na Policía Local. “Quen queira ver outra cousa é o seu problema”, advertiu a voceira, consciente de que para aplicar a medida sería convinte a modificación da Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia.

Maite Ferreiro e Carlos Portomeñe | Óscar Bernárdez
Maite Ferreiro e Carlos Portomeñe | Óscar Bernárdez

Outro aspecto da moción era a ampliación das competencias da Policía Local para que, no marco do pacto de estado contra a violencia de xénero, este corpo puidera axudar na prevención e identificación das violencias machistas. Este punto tivo o interese doutras forzas, proclives a ampliar o papel cívico dos axentes, aínda que con reservas pola actual escaseza de persoal e formación.

En opinión de Carlos Portomeñe, representante de ACE-EU, o resto de medidas contempladas na proposta eran “maquillaxe” para a introdución dos militares. Aludiu nese senso a que boa parte dos puntos foron aprobados en sesións precedentes, coma a taxa de reposición engadida ou a atención descentralizada, amosando acordo na necesidade de actualizar o regulamento. Así as cousas, Portomeñe pediu “un cambio estrutural” dende o Ministerio de Defensa para evitar os despidos en tropa e marinería.

Semellante foi a posición dos nacionalistas en canto a que cada lugar requerirá solucións concretas. Maite Ferreiro criticou a “visión uniforme” de Ciudadanos, por non entender “que a provincia perde poboación e se aposta por limitar o emprego no Concello” coa entrada dos exmilitares no corpo. Aliás, a edil polo Bloque Nacionalista Galego cargou asemade contra o goberno local porque “prevíase a situación da Policía Local e ninguén tivo a valentía de atallalo”.

En Lugonovo amosáronse sorprendidos polo referente á violencia de xénero, postura que Cristina Pérez Herraiz cualificou de “cínica” por “poñerse de perfil no pacto andaluz”, ao tempo que dixo non compartir “a insistencia por militarizar a Policía Local”. “Son dous corpos con formacións e competencias distintas, dous espazos distintos que deben seguir séndoo”. En opinión de Pérez Herraiz, os problemas de Lugo non residen na inseguridade, “senón no cumprimento das normas” de tráfico ou ruídos.

A situación na Policía Local

Cristina Pérez Herraiz e Victoria Esteban Riesco, de Lugonovo | Óscar Bernárdez

No goberno local entenden que a medida requeriría doutros cambios legais, e tampouco axilizaría a cobertura das trinta vacantes que hai neste intre na Policía Local de Lugo. O concelleiro Daniel Piñeiro anunciou que acaban de incorporarse dous novos axentes, e que están en tramitación as convocatorias dentro das ofertas públicas de emprego de 2016 e 2017, con acento na promoción interna.

O grupo socialista amosouse contrario a ampliar as funcións do corpo e o número de oficinas, alomenos ata incrementar os efectivos. “Só podemos convocar oposicións e que os aspirantes pasen seis meses na academia”. Así as cousas, o Concello sacará unha nova oferta de emprego que contempla as prexubilacións estabelecidas no recente Real Decreto, e que debían ser comunicadas ata o 31 de xaneiro por parte da plantilla.

Enrique Rozas, polo Partido Popular, estivo especialmente combativo nesta cuestión. Tildou os argumentos de Piñeiro de “sarta de incongruencias”, polo “desinterese coas forzas de seguridade, incluídos bombeiros”. Tamén replicou a Louzao, asegurando que aínda que a responsabilidade é do concelleiro de Persoal, “o Concello non conseguiría nada” coa proposta de Ciudadanos. Lembrou o edil conservador que o convenio da Femp e o Ministerio de Defensa, aínda por materializarse, refírese a militares en activo. Os populares propuxeron a adhesión á Academia Galega de Seguridade (Agasp) para axilizar a reposición.

Enrique Rozas (dereita) durante a sesión plenaria | Óscar Bernárdez
Enrique Rozas (dereita) durante a sesión plenaria | Óscar Bernárdez

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...