Os socialistas lucenses asumen o postulado sobre a caza do Partido Popular

As formacións maioritarias no pleno provincial sintonizan na proposta dos conservadores, un alegato sen base científica que insta ao Goberno a regular a caza

Argelio Fernández Queipo, alcalde da Fonsagrada | Óscar Bernárdez
Argelio Fernández Queipo | Óscar Bernárdez

Nun pleno provincial marcado pola reclamación de mellores servizos sanitarios e a manifestación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais, o Partido Socialista validou os argumentos a prol da caza esgrimidos en datas recentes polo Partido Popular. Os conservadores acadaron un apoio abrumador na cámara da Deputación para reclamar do Goberno central un plan de xestión para o sector cinexético, amparando os cazadores contra as críticas, e censurando as declaracións da ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, favorable a rematar con estas prácticas.

Por parte da bancada popular, José Ulla, rexedor de Begonte, cargou contra quen “demonizan a actividade dos cazadores”, asegurando sen evidencia empírica que a eliminación da caza empeoraría a situación do medio natural. “As consecuencias serían aínda máis desastrosas”, asegurou o deputado, porque a caza contribúe, no caso do xabaril, a controlar a expansión de enfermidades porcinas, a limitar danos contra a biodiversidade –sobre  lagomorfos e anátidas– e á prevención de lumes. “Dende que o home é home contribuíu ao equilibrio entre predador e presa”.

Unha moción “oportunista”

Algo máis contido e reflexivo, o vicepresidente Argelio Fernández Queipo sentou a postura do goberno provincial. O socialista dixo “entender e defender a caza”, amosándose partidario deste xeito de “regular e pór en valor o medio natural e os nosos recursos”. Así, explicou que os cazadores “son xente vencellada ao medio”, e lembrou o caso das nevaradas de outubro, cando “limparon os camiños en parte importante” por estar en temporada de caza.

Así as cousas, Queipo pediu inicialmente retirar o segundo punto da moción ao entender que non todos os cazadores “teñen o mesmo grao de sensibilidade e exercen a caza de xeito responsable”. Defendeu o vicepresidente que “amar a caza implica ser conservacionista” porque “ninguén está máis interesado na proliferación de especies e na regulación dos exemplares”. “Sen embargo, no colectivo hai xente que non vive a caza dende o medio, e non ten arraigo á terra coma os que somos cazadores de verdade”.

Como era de esperar, o representante do Partido Socialista dixo “non entender” por que era preciso “debater a intervención a título persoal da ministra”, de quen dixo estar seguro “de que se arrepentiu”. Cualificou a polémica de “utilización oportunista en campaña electoral”, aproveitando para reivindicar a aposta da Deputación pola sala de despece da Fonsagrada, onde “a maior parte da caza ten saída e aporta a distintas redes comerciais de Galicia e Portugal, un produto  ecolóxico de garantía sanitaria e primeirísima calidade”.

Cuestións de fondo

Álvaro Santos, voceiro socialista, conversa co nacionalista Antonio Veiga (dereita) e as compañeiras de filas Pilar García Porto e Sonsoles López Izquierdo (esquerda) | Óscar Bernárdez
Álvaro Santos, voceiro socialista, conversa co nacionalista Antonio Veiga (dereita) e as compañeiras de filas Pilar García Porto e Sonsoles López Izquierdo (esquerda) | Óscar Bernárdez

Antonio Veiga, voceiro nesta cuestión do Bloque Nacionalista Galego, explicou os motivos para a abstención do seu grupo nunca “moción subxectiva”. Aínda que favorábeis á regulación da actividade, na formación cuestionan o rigor das afirmacións de Ulla, sobre todo por tratarse dunha actividade puntual, de setembro a decembro, e de xoves a domingo. “Respectamos a actividade, pero somos conscientes de que a conservación da biodiversidade e a prevención de incendios non depende só da caza, depende de quen ten responsabilidades políticas”.

O nacionalista puntualizou que non entrarían “a valorar o grao de compromiso dos practicantes coa conservación do medio natural”, porque a conservación dos hábitats “rómpese” polos monocultivos e a desaparición de predadores. Veiga incidiu en que o fondo da cuestión non está no papel da caza, pedindo potenciar o sector agrario e que se aumente o número de médicos e de profesores, “coma no caso de Portomarín”, porque “é así como non se despoboa o rural, sexamos máis serios”.

Pola súa banda, o deputado non adscrito Manuel Martínez anunciou o voto favorable “como cazador”, e pediu que o Pazo de Tor mude en referente na provincia para o adestramento e o aproveitamento da caza, coma é nestes intres A Fonsagrada. O rexedor de Becerreá opina sobre as declaracións da ministra que “pasa coma coas touradas, os radicalismos crean problemas onde non os hai”. Así, defendeu que “os cazadores son os primeiros ecoloxistas”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here