Lugo disporá de 15 quilómetros adicionais de carril bici

Serán 27 novos treitos que abranguerán dez veces máis distancia da dispoñible na actualidade – Aproveitarán o pavimento xa existente e afectarán tamén a prazas de aparcadoiro

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, presenta o novo carril bici EDUSI | Concello de Lugo

O executivo de Lara Méndez mantén a inercia de investimentos co anuncio da nova rede de carrís bici. Serán 27 novos treitos para un total de 15 quilómetros, o que implica multiplicar por dez os xa existentes. A obra, que contará con algo máis dun millón de euros e un prazo de execución de seis meses, contempla tanto carrís en vía separada coma coexistentes con outros medios. A alcaldesa explicou que o proxecto é «ambicioso» e procura converter a bicicleta «nun elemento normalizado da paisaxe de Lugo».

Esta iniciativa é a consecuencia da unión do Plan de Mobilidade co Proxecto de Promoción da Bicicleta en Lugo. Así mesmo, para o financiamento –un total de 1.043.000 euros– enmárcase na Estratexia europea de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI), co que o 80 por cento do investimento partirá dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Os límites aproximados dos diferentes treitos son a Avenida da Coruña, a Ronda da Muralla, o parque Rosalía de Castro, o río Miño cara o río Mera, o límite da zona urbana en Abella e a rúa Mazaira.

As vías ciclistas estarán divididas con sinalización vertical e separadores ovalados de caucho. Serán unidireccionais –de subida ou de baixada– e bidireccionais, e nas denominadas rúas ciclistas a velocidade estará limitada a 20 kilómetros por hora por razóns de seguridade. No proxecto están integrados aparcadoiros de bicicletas ao aire libre e cubertos, en zonas onde a estancia pode ser prolongada, coma en colexios ou preto de paradas de autobús; substituirán plazas de aparcadoiro.

Plano cos 27 novos treitos de carril bici en Lugo | Concello de Lugo

En xeral o pavimento actual servirá de base para os novos carrís, con novas marcas viais. Porén, haberá zonas comprometidas: haberá que demoler parcialmente e excavar na rúa Santiago, e rehabilitar o firme nas Costas do Parque, na rúa Poeta Xosé Crecente –barrio da Residencia– e nos laterais da Ronda do Carme. Amais, instalaranse sinais específicas para as vías ciclistas, con paneis, luces de semáforo exclusivas e compartidas con peóns, e marcas de conexión entre vías para os cruces.

Dende o Concello aseguran que o obxectivo é aumentar a convivencia entre ciclistas, peóns e automóbiles, procurando «fomentar o uso de vehículos alternativos capaces de conectar toda a cidade», favorecendo os desprazamentos de lecer e laborais. Entre os principios rectores do proxecto, salientou a rexidora, estará a cohesión interna e a sinerxia con outras redes, coma os autobuses urbanos. Outra das prioridades é a rectitude, evitando pendentes e desprazamentos longos de máis.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here