O Concello conclúe o trámite chave para reformar o recanto de San Roque

O pleno de Lugo votará a modificación do PEPRI que desbloquea a intersección entre San Roque e Ronda da Muralla para eliminar a pasarela e rematar a beirarrúa

Recanto de San Roque e confluencia coa Ronda da Muralla | Google
Recanto de San Roque e confluencia coa Ronda da Muralla | Google

A solución para o recanto de San Roque podería quedar desbloqueada no pleno do vindeiro xoves. A corporación votará a modificación do Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior (PEPRI), necesario pola coincidencia do Camiño Primitivo e a Muralla, dous bens Patrimonio da Humanidade. Os cambios contan co prace dos departamentos de Patrimonio Cultural e Urbanismo da Xunta de Galicia, así como de Icomos, a organización de vixilancia do patrimonio vencellada ás Nacións Unidas.

De resultar aprobada a modificación, o Concello podería iniciar a retirada da pasarela e a conclusión da beirarrúa, cambios que, alén do considerable impacto visual, deberían garantir a seguridade e a accesibilidade na contorna. O proxecto comprende, ademais das actuacións na vía pública entre San Roque e a Ronda da Muralla, ángulo de intersección con Montero Ríos e o Carril das Flores, a ampliación do Carril das Flores, tamén parte do Camiño Primitivo.

O permiso para reconfigurar o vértice perante a porta de San Pedro constaba dende agosto, cando foi aprobado o PEPRI en xunta de goberno. Así e todo, estaba previsto elevar a pleno a modificación puntual do rueiro 214A en decembro, mais un erro na convocatoria da comisión de seguimento levou á ausencia do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, e despois, dos representantes do resto de grupos.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here