Detidos cinco rapaces de entre 16 e 21 anos por roubar garaxes en Lugo

Os rapaces detidos son integrantes de dúas bandas, e están acusados de roubos con forza en dezasete coches en garaxes de varias rúas de Lugo

Policía local | CNP
Policía local| CNP

No marco dun operativo especial da Policía Nacional, cinco xoves foron detidos en Lugo por seren os supostos autores de roubos con forza en garaxes da cidade. Os investigados, dos que catro son menores de idade, pertencen a dúas bandas diferentes.

As detencións producíronse como consecuencia dunha sucesión de roubos e danos en vehículos no interior de garaxes en varias rúas de Lugo. Os rapaces forzaban os dispositivos magnéticos dos automóbiles, empregando “un patrón delituoso semellante”, segundo os investigadores.

Tralas correspondentes pescudas, a Policía Nacional localizou os primeiros tres individuos circulando nun coche. A estes xoves, de 21, 17 e 16 anos, fóronlles intervidos un televisor, un portamoedas clasificador, e outros bens subtraídos en nove vehículos estacionados nos garaxes asaltados.

Detencións adicionais

O maior de idade pasou a disposición xudicial, mentres que os menores foron entregados aos seus proxenitores, coa obriga de persoarse na Fiscalía de Menores cando sexan requiridos.

Con posterioridade producíronse outras dúas detencións, tralo aviso ás forzas da orde de que se estaba a producir un roubo nun garaxe na zona norte da cidade. Coa chegada dos axentes, os supostos delincuentes botaron a correr, mais resultaron interceptados.

Os detidos, dous menores de 17 e 16 anos entregados aos respectivos proxenitores, portaban material roubado. Entre os efectos intervidos constan un pendrive, dous altofalantes, un chisqueiro electrónico e unha lanterna. Están acusados de forzar oito coches.

No operativo participaron axentes do Grupo de Radio Patrullas e do Grupo II da Policía Xudicial.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here