InicioPolíticaPérez Herraiz: “Temos que poder tomar decisións dende dentro do goberno”

Pérez Herraiz: “Temos que poder tomar decisións dende dentro do goberno”

A candidata de Lugonovo, Cristina Pérez Herraiz, critica os personalismos da esquerda lucense e a falta de compromiso do actual goberno

PUBLICADA O

- Advertisement -

Segunda cita coas urnas de Lugonovo, a sorpresa nas municipais de 2015 con tres asentos na corporación local. A formación viviu un intre convulso durante 2017, que rematou con Podemos fóra da órbita das mareas e a configuración dun novo sistema arredor de Cristina Pérez Herraiz. Durante a lexislatura exerceron de soporte externo dos socialistas, experiencia que condicionou o plantexamento da candidata.

Agora, di, coñece mellor a cidade. Así queda reflictido no programa que presentarán proximamente, guiado polos mesmos valores, aínda que con medidas máis concretas. A experiencia implicou adoptar compromisos asumibles que, en todo caso, aspiran a realizar dende dentro do futuro goberno local. De fondo, a división na constelación de En Marea e a posible entrada de novos actores o 26 de maio.

Que pensaría se lle dixeran hai cinco anos que seguiría á súa irmá [Margarita, deputada no Congreso dos Deputados] na política profesional?

Hai cinco anos, que era unha tolería. Hai catro anos diría que era imposible, e aquí estou. As cousas cambian; supoño que os meus valores e ideais, e o traballo no Concello, fixéronme estar aquí.

Por unha banda, hai unha certa decepción polo funcionamento do mundo político. Pero a desilusión faime ter máis gañas de cambialo.

De voceira circunstancial a candidata sen oposición interna. Como vive a experiencia?

A provisionalidade era polo funcionamento interno de Lugonovo, non pola miña postura. Temos que funcionar co referendo da Asamblea, é como traballamos. Na Asamblea para ratificarme, a maioría foi aplastante a favor de que fora portavoz do grupo.

De cara ás primarias foi o mesmo. Non houbo máis candidaturas, pero para ser un proceso cun único candidato, considero que a participación estivo ben. Creo que valoran o meu traballo e como respondín.

Semella que o sistema político de Lugo vai camiño de fragmentarse aínda máis con Vox, os independentes de Martínez, Compromiso por Galicia, Foro Lugo… Pode falarse de fracaso dos partidos con representación no consistorio?

Fracaso é. Asústame que poidan entrar grupos coma Vox. O feito de que haxa outros grupos tamén supón que hai inquedanza e interese por cambiar o mundo no que vivimos. Todo depende de como se mire, pero si é preocupante a desafección da xente e o mal valorada que está a política, e os políticos. É algo que rexeitan cando é unha necesidade, non se pode vivir sen políticos.

En Lugo eramos máis que en outros sitios. A dereita tiña a escisión de Foro Lugo, e agora pode ser tamén Vox. E na esquerda xa estabamos divididos de antes, Lugonovo por un lado, e outro con ACE-EU, cando noutros lugares iamos todos xuntos. Aquí nunca houbo esa unidade, os personalismos e a falta de diálogo pesan moito.

Pero aínda non se sabe como sairán as cousas. Nós temos claro o que somos e o que seguiremos sendo. A cidadanía quere cambiar as maneiras e romper co que está interiorizado na sociedade. Os grandes partidos tradicionais, sobre todo Partido Popular e Partido Socialista, eran grandes bloques que foron dexenerando pola súa antigüidade.

Coidáronse de conservar a marca Lugonovo. Preocúpalles a imaxe de división que traslada En Marea?

Evidentemente que preocupa. Temos claro o noso posicionamento, pero todo o que sexa dividir é preocupante. Indica que hai un fracaso na idea inicial de ser unha marea real. É triste.

Que opina do liderado de Luís Villares?

É un gran baluarte. Dende que foi nomeado portavoz de En Marea sufriu ataques dende todas partes, foron dous anos moi complicados pola composición do Consello, e os atrancos que poñían quen en principio foran os que o levaran alí. Non se puido traballar como se quería, de aí a frustración. Agora, esperemos que as cousas funcionen doutra maneira para traballar de cara a fóra, e non de cara a dentro.

Non podemos dicir que somos unha cousa, e logo ser outra. Quen manda en En Marea, ou en Lugonovo, son os asinantes, e non os dirixentes. Son as bases as que teñen que decidir. Os golpes non poden vir das cúpulas, teñen que vir da xente que está empurrando.

A escisión en Lugonovo. Como reaccionará o electorado con Podemos por separado?

Podemos en 2015 non estaba en Lugonovo; apoiounos, pero non participou. Non viñan persoas na candidatura, nin formaban parte, e non entraron ata que escollemos a segunda coordinadora. E marcharon por unha razón non política. Traballar con Lugonovo, traballaron moi pouco.

A min tócame traballar como oposición, con control e propostas ao Concello de Lugo. O que nos toca facer a todo Lugonovo é tentar transmitir o que queremos para a cidade, independentemente dos demais, de Podemos, Esquerda Unida, Anova. O que queremos para a cidade, é que sexa a cidade que a xente quere.

Aínda que estea rexistrado como partido político, Lugonovo era e é unha plataforma de adscrición individual. Outra cousa é que, no inicio, os partidos foron unha base –en teoría– para empurrar, e non ao revés. As persoas que traballaban en 2015, e as que están agora, somos case todas as mesmas. Fáltanos transmitir iso.

Chegaron para mudar a política municipal. Que queda da esencia en Lugonovo, e que alcance tivo?

Lamentablemente, a política municipal apenas cambiou, incluso deu pasos cara atrás nalgúns aspectos. Unha das primeiras propostas aprobadas foi a de cambiar o regulamento de participación, para que a cidadanía puidera participar dos plenos. Nunca se fixo. Pedimos transparencia, outro dos nosos piares, e de novo vai no programa para estas eleccións.

Tería que ser outro o programa, moitas desas cousas terían que estar xa feitas. O ímpetu ten que ser o mesmo. As persoas cambiamos, evidentemente, e a situación e o ambiente da cidadanía tamén cambiou. Por iso é necesario cambiar este Concello, a situación actual é terrible.

Lugonovo investiu a Lara Méndez.

E non só a apoiamos coma alcaldesa, tamén apoiamos os primeiros orzamentos. Fomos moi claros e dixemos estes orzamentos hai que executalos. Non o fixeron, e xa non apoiamos os seguintes, porque non se realizaron nin o trinta por cento dos acordos. Aprobouse aquilo que era menos trascendental.

Non había moita alternativa, as cousas coma son: era ou Méndez ou Castiñeira. Tentamos que funcionara, puxemos todo da nosa parte, pero non podes apoiar sen contrapartida. Por iso deixamos de facelo.

Hai alternativa en maio?

Ten que habela. Non podo dicir cal vai ser, pero creo que pasará por falar máis e consensuar entre as diferentes forzas da esquerda. De entrar a dereita, habería menos liberdade, menos transparencia e menos participación. Menos democracia.

De repetirse a correlación de forzas, volverían a investir a Lara Méndez?

Con outro tipo de negociacións, non coas mesmas condicións. Teriamos que poder tomar decisións de goberno. Dende dentro do goberno. A realidade é que nós queremos ser vitais para o próximo goberno de Lugo, para iso estamos aquí. Queremos gañar, pero somos realistas, é difícil. O que queremos é ser fundamentais á hora de dirixir o Concello.

Os acordos de cara ás municipais fan de Lugo o bastión de En Marea

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...