“Queremos que Lugo sexa a nova capital da ultradereita?”

Os socialistas cargan contra o líder do PP en Lugo. "É xa o candidato de Vox", din tras declarar Ramón Carballo que non ten ningún "cordón sanitario" para pactar con Vox.

Integrantes de Vox / @Dreams_Oskar

O candidato do PP ao Concello de Lugo, Ramón Carballo, está disposto a pactar con Vox. O partido de ultradereita que condicionou xa o goberno de Andalucía e que está a provocar tensións entre PP e Ciudadanos, podería ser aliado de goberno do partido de Feijóo en Lugo, sempre e cando o PP poida aspirar á alcaldía. “Eu non teño liñas roxas nin son partidario de poñer cordóns sanitarios”, dixo Carballo sobre un posible pacto con Vox.

Unhas afirmacións que acendederon as luces vermellas do PSdeG en Lugo e na provincia. “Este é o que aspira a ser alcalde da capital da provincia pactando abertamente coa ultradereita?. Queremos que Lugo sexa a nova capital da ultradereita?…. Pois aí tedes a #Carballo adiantando a Feijóo pola dereita e dicindo que el é xa o candidato de VOX”, espeteulle o líder provincial do PSdeG, Álvaro Santos, na súa conta de redes sociais.

E foi máis alá ao lembrar un oscuro episodio de Carballo, do que foi moi criticado, cando foi subdelegado do Goberno na provincia. “Lembro perfectamente cando, sendo representante do PP na Delegación do Goberno, sobre os supostos abusos a unha muller dixo aquilo de que non se pode considerar como unha agresión sexual porque había unha intimidación e un acercamento ou incluso tocamentos”, suliñou. “E este é o que quere ser alcalde de Lugo?”, engadiu.

“CINISMO”

Tamén Ana Abelleira, secretaria xeral do PSOE lucense, esíxiulle ao presidente da Xunta e presidente do PPdeG que confirme se apoia que o seu partido en Lugo aposte por non fixar cordóns sanitarios para alcanzar acordos con Vox, “partido que sitúa como primeiro inimigo ás mulleres”, dixo.

O PSdeG lucense lembrou que os dereitos e os consensos constitucionais non poden ser obxecto de negociación. “Que Vox é un partido machista, racista e homófobo xa se sabía. O que permanecía algo máis oculto é a dose de todo iso que se mantén entre a dirixencia do PP”, indicou.

E, neste sentido, acusou de “cínicos” aos populares por mandar aos seus representantes á inauguración da exposición recentemente inaugurada no Vello Cárcere, “Boix, o fotógrafo de Mauthausen”, sobre as terribles consecuencias dos fascismos. “E logo berran aos catro ventos que pactarán cun partido que o propio PP xa recoñece como de extrema dereita”.

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here