Dous investigados por chantaxear e difundir imaxes de índole sexual dunha menor de Lugo

A Garda Civil investiga a dous presuntos autores dun delito de corrupción de menores a través de redes sociais nunha operación iniciada en Lugo

(Arquivo) Unidade de Delitos Telemáticos | Garda Civil
(Arquivo) Unidade de Delitos Telemáticos | Garda Civil

A Garda Civil imputa en calidade de investigados a dous presuntos autores dun delito de corrupción de menores por un caso iniciado en Lugo, e consistente na coacción a través de mensaxería instantánea e na posterior difusión de imaxes comprometidas dunha menor.

Na Operación Voldemort, o Instituto Armado tenta esclarecer o papel de dous sospeitosos, un varón de 37 anos, veciño de Madrid, e un menor. Como recolle GaliciaConfidencial, o corpo tivo coñecemento de que unha moza menor de idade establecera conversas cunha persoa fóra da contorna.

A través dos meses, os investigados fixéronse coa confianza da rapaza, que comezou a enviar imaxes de índole sexual por medios dixitais –unha práctica coñecida como sexting–. Logo de conseguir as primeiras fotografías, comezaron a “coaccionar e ameazar” á vítima para que remitise máis material gráfico, vídeos e fotos da mesma índole, advertindo de que en caso contrario, subirían os contidos que xa posuían a redes sociais.

Segundo o relato da Garda Civil, a moza, “atemorizada, accede á solicitude”, mais este feito non impediu que as fotografías finalmente fosen publicadas “nun perfil aberto dunha coñecida rede social, sendo visibles para todo o mundo”.

Os especialistas rastrexaron a rede e os dispositivos empregados pola vítima e os presuntos autores. Un proceso traballoso, que requeriu a colaboración das compañías de telefonía e as empresas matriz propietarias das redes sociais. “Estas accións permiten localizar, tras un arduo estudo dos datos, o domicilio desde o que se estaban realizando as ameazas e as publicacións”, precisan os axentes.

Os riscos das redes sociais

Para previr este tipo de situacións, a Garda Civil indica que “é importante estar informado e coñecer os riscos que pode xerar o mal uso das redes sociais e internet”. Alertan de que o sexting entre menores é unha práctica altamente perigosa, “que pode conducir a situacións de chantaxe, acoso sexual e escolar, chegando a causar en moitas ocasións trastornos psicolóxicos na vítima”.

Así, lembran que a difusión deste tipo de imaxes sen o consentimento da persoa protagonista leva penas de cadea de un a catro anos. “Se na fotografía ou o vídeo que se difunde aparecen menores, pódese considerar distribución de pornografía infantil, e o simple feito de telas almacenadas no móbil tamén ten consecuencias penais”, conclúen estas fontes.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here