O Concello desmárcase do pregón de reis que censura a oposición

O PP cualifica de “mitin político” un discurso marcado polos asubíos do público, e dende Podemos esixen responsabilidades

A concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre, cos reis de Oriente que protagonizaron o polémico discurso | Concello de Lugo
A concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre, cos reis de Oriente que protagonizaron o polémico discurso | Concello de Lugo

O Nadal en Lugo rematou do mesmo xeito en que comezou, con polémica. Desta vez, a discusión xira arredor do discurso do Rei Melchor dende o balcón da casa consistorial, rematada a cabalgata das maxestades de Oriente. O pregón foi interrompido por apupos e asubíos de disconformidade co contido, con referencias a iniciativas do goberno local e críticas ao compromiso da Xunta de Galicia coa cidade.

Dende o grupo popular cuestionan a  “moralidade” do executivo socialista pola “politización” dun acto adicado aos cativos, culpando directamente á alcaldesa Lara Méndez pola utilización dos Reis Magos para “dar un mitin”. Salientan os conservadores que foi a propia cidadanía a que amosou o seu malestar, e “incluso houbo quen abandonou indignado a Praza Maior”.

Paralelamente, en Podemos esixen “responsabilidades” en forma de explicacións e incluso dimisións, pedindo ao goberno local actuacións “en consecuencia”.

O Concello quitou gravidade ao asunto e desmarcouse da polémica. Méndez comentou que “non entramos a valorar nunca os discursos dos pregoeiros que forman parte da vida da cidade, no San Froilán ou no Entroido, nin entramos a decidir que discurso ten que facer o Rei Melchor coma non fixemos en anos anteriores”. 

Así, a rexedora preferiu subliñar outras partes do discurso, “cargado de mensaxes de igualdade, de optimismo, tentando empatizar con problemas sociais coma algúns que non nos afectan tan directamente, coma a inmigración, que nos afecta como sociedade”. “O espírito co que debemos –dixo Méndez– de quedar é o dun éxito de afluencia, todo o mundo quedou satisfeito coa cabalgata, unha das máis lucidas dos últimos anos”.

Segundo a alcaldesa, a polémica é un “malentendido” e pediu “contextualizar na ironía” un discurso co que “se pode estar de acordo ou non”. A candidata a revalidar o bastón de mando de Lugo insistiu en que o pregón fíxose dende un ton “sarcástico” e que incluíu críticas “a todas as administracións, tamén ao goberno local”.

1 COMENTARIO

  1. Le digo a la Alcaldesa lo que tiene que hacer si no quiere abrir expedientes a las manos negras que le boicotean el Ayuntamiento, cobertura de plazas de jefaturas y determinados puestos clave de la administración a través de comisiones de servicio. Eso es legal, y lo puede hacer,

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here