InicioMedioambiente e PatrimonioInnovación nos sistemas agroforestais para acabar cos incendios

Innovación nos sistemas agroforestais para acabar cos incendios

Menos do dez por cento do campo galego emprega os sistemas agroforestais indicados, nos que o Campus Terra é líder europeo

PUBLICADA O

- Advertisement -

A implantación de sistemas agroforestais ten efectos moi positivos no rendemento económico, na prevención de incendios e na reducción do cambio climático. Porén,  esta solución está presente en menos do dez por cento do campo galego. A catedrática Rosa Mosquera Losada, do grupo de investigación de Sistemas Silvopastorais do Campus Terra, explicou os avances neste eido durante a segunda xornada do DivulgaTerra.

Un sistema agroforestal defínese para un solo e un clima concretos. A súa importancia en Galicia está relacionada co peso do sector primario, a acumulación de biomasa e o alto perigo de incendio, pois o país ten as condicións ideais para o lume: a taxa de crecemento forestal máis alta de Europa e sequías durante o verán.

No continente, o sistema agroforestal máis importante é a dehesa ou montado. Ten un gran valor paisaxístico e produce alimentos de calidade, como pode ser o xamón ibérico, ou a carne de porco criado con castaña. Un sistema agroforestal debe ter en conta a interrelación entre o arboredo, o pasto e o cultivo, xunto coa actividade gandeira e do ser humano, que controla estes compoñentes e como interactúan.

Existen múltiples exemplos de sistemas agroforestais tradicionais, que poden ter usos variados nas diferentes épocas do ano a partir dunha única configuración. A tendencia –explica Mosquera– é cara a cointesificación, o incremento simultáneo da produción por área de superficie en máis dun produto, estratexia que pode resultar crucial nun mundo no que aumenta a demanda de alimento.

Así, poden coincidir cultivos de lavanda e olivo, caracterizados pola abundancia de luz, de millo e nogueira, con fustes rectos, de xirasol e castiñeiro, ou de vide e olivo, que aproveitan os frutais como parra para a uva. O caso máis práctico é aquel da froiteira que perde a folla en inverno, deixando pasar a luz para un cultivo, aínda que os máis efectivos combinan elementos leñosos e gando, que pode aproveitar os setos vivos para alimentarse durante o verán, cando escasea o pasto herbáceo, coa correspondente reducción nos custes.

As dificultades residen na idade e na especie do arboredo –a follaxe pode impedir o desenvolvemento do pasto–, a distribución das árbores para deixar solo mecanizable, a elección da especie gandeira e a protección das árbores. A miúdo preténdese evitar que o gando coma a folla da árbore, pero o valor nutritivo das follas pode facer recomendable o seu uso coma alimento para o gando.

A relación cos incendios

Galicia ten un triste récord de 51.000 hectáreas queimadas cada doce meses, co maior risco de incendio de Europa. O desenvolvemento do bosque e do arbusto na primavera xunto coas sequías do verán fan que os incendios se establezan e sexan imparables. Especies coma o toxo, secas por dentro e ben osixenadas, son ideais para expandir os lumes.

Sen arbusto, é máis complicado que os lumes cheguen as copas, e redúcese a velocidade de avance do incendio. As zonas desbrozadas serven de cortalumes e dan máis opcións aos medios de extinción. Aquí entra o valor alimentario do toxo e a silveira, en menor medida do fento, que son un recurso para o gando que non precisan de pescitidas nin herbicidas.

Está demostrado que o pastoreo de monte reduce os incendios. Así sucede nos programas do sur de Francia, en Murcia ou en Andalucía; na comunidade andaluza, o setenta por cento do bosque é público, polo que a administración autonómica xera contratos cos gandeiros para pastorear determinadas zonas e especies controladas para evitar o sobrepastoreo.

O papel do cabalo

Gandería extensiva do cabalo e o poldro na Serra do Xistral, zona de especial conservación a estudo no programa europeo Life In Common Land | 3edata
Gandería extensiva do cabalo e o poldro na Serra do Xistral, zona de especial conservación a estudo no programa europeo Life In Common Land | 3edata

Meter gando no monte sae dez veces máis barato que empregar medios mecánicos para o desbroce, un custe razonable tendo en conta que o servizo de prevención de incendios equivale ao dous por cento da produción bruta de Galicia, e non evita os grandes desastres. Empregando cabalo, onde había doce toneladas de folla de toxo por hectárea quedan dúas.

Galicia ten a maior poboación de cabalos en liberdade en Europa xunto a Polonia, sendo unha especie de noso e con arraigo cultural. Este animal é ademais o principal alimento do lobo, polo que a desaparición do cabalo de monte está vencellada aos ataques de lobo contra o gando estabulado ou en réxime de semiliberdade.

O gando ten outra vantaxe sobre o desbroce, que non toca a raíz, e deixa inalterado o profundo sistema radical do arbusto, polo que a recuperación despois da limpeza é rápida. Polo contrario, os animais consomen reiteradamente e pisan a planta, e teñen asemade un efecto fertilizante que favorece ás plantas herbáceas en detrimento dos arbustos. Por outra banda, hai montes nos que desbrozar a man é inviable.

AFINET

Por que non se empregan masivamente os sistemas agroforestais? Ata o de agora, a investigación non chegou ao usuario final. Por iso, a Unión Europea apostou por AFINET; a rede de innovación agroforestal que lidera a Universidade de Santiago de Compostela, e que inclúe a nove países. Esta liña é unha aposta decidida no sistema comunitario e terá moita máis importancia na nova política agraria común a partir de 2020.

O obxectivo é xuntar a todos os actores implicados (agricultores, gandeiros e forestais, axentes políticos) para coñecer por que os sistemas agroforestais non prosperan. Realízanse reunións de grupos de traballo cada seis meses, cun total de catrocentos actores que se intercambian entre nove países, para recoller datos e propostas. O reto é como trasladar as 92 solucións innovadoras para miticar o cambio climático e os incendios a través da promoción das prácticas agroforestais.

ÚLTIMAS

Controlado o incendio da Fonsagrada, que afecta a 65 hectáreas

Un incendio permanece activo no concello lugués da Fonsagrada, onde ata o momento arderon un...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

Conclúe a inspección da nave de Mazoi calcinada este martes e a empresa desconfía de que fose provocado: “Non sei como prende unha nave...

A Policía Científica deu por concluída este mércores a inspección da nave de reciclaxe da parroquia de...

Morre un peregrino norteamericano en Portomarín

Un peregrino faleceu este mércores no municipio lucense de Portomarín, segundo informou a Garda...