O PP facilita a aprobación dos orzamentos provinciais

O grupo socialista aceptou sen apenas debate o bloque de enmendas dos populares, en base a un entendemento previo que irritou aos nacionalistas

Elena Candia, presidenta do Partido Popular lucense, durante a sesión na que saíron aprobados os orzamentos provinciais | Óscar Bernárdez
Elena Candia, presidenta do Partido Popular lucense, durante a sesión na que saíron aprobados os orzamentos provinciais | Óscar Bernárdez

A poucos meses dos comicios locais nos que o bipartidismo vivirá de seguro o intre máis complicado na provincia de Lugo, os dous partidos tradicionais asinaron un pacto de non agresión na Deputación. Apelando ao gran acordo de 2016, o Partido Popular facilitou a aprobación dos orzamentos provinciais a cambio dun asequible paquete de enmendas centradas en dotar de máis recursos ás residencias. O Partido Socialista salvou o trámite a pesar do risco que supuxo presentar o proxecto con escasísima marxe para a negociación, deixando fóra do xogo ao Bloque Nacionalista Galego.

As declaracións previas da presidenta dos populares na provincia, Elena Candia, permitían intuír un entendemento co goberno da Deputación para que as contas resultaran en rédito político mutuo. A socialista Mayra García saudou a actitude do principal adversario político e grupo maioritario no pleno, mensaxe correspondida, entre algún reproche, pola voceira da bancada conservadora. Sen necesidade sequera de debater propostas concretas, cadanseu co discurso que lle interesaba.

O prezo da negociación

No público, persoal escollido para as residencias aínda por abrir e reivindicacións a prol da Casona do Incio | Óscar Bernárdez
No público, persoal escollido para as residencias aínda por abrir e reivindicacións a prol da Casona do Incio | Óscar Bernárdez

Candia dixo non compartir a xestión, criticando veladamente a débeda do dezanove por cento reflictida na memoria económica, e cualificou o mandato do presidente Darío Campos de “excepcional, e non no positivo”. Malia afirmar que son uns orzamentos “que non faría”, a líder do Partido Popular en Lugo fixo un chamado á coherencia e, observando que os orzamentos son o instrumento que permite á institución exercer as competencias de seu, manifestou que a postura do grupo tería en conta “o interese das veciñas e veciños”.

A abstención permite aos populares, en forma de enmendas, introducir medidas concretas no orzamento para Suplusa, concretando os fondos para a apertura e xestión das residencias, e dando aos concellos a potestade de que poidan elixir a entidade que xestionará os centros da terceira idade. Con todo, é un paso atrás con respecto ás contas previamente aprobadas polo Consello de Administración da sociedade do solo.

O goberno provincial aceptou estas engádegas coa condición de que a escolla dos concellos se faga con arreglo á legalidade, á espera da postura xudicial sobre as encomendas de Suplusa para a xestión das residencias. O Partido Popular incluíu outra enmenda para dotar especificamente ao centro residencial de Cervantes con 200.000 euros, contía que xa estaba prevista polo executivo, aínda que sen especificar no proxecto orzamentario.

Indignación no BNG

Intervención de Xosé Ferreiro, do Bloque | Óscar Bernárdez
Intervención de Xosé Ferreiro, do Bloque | Óscar Bernárdez

A marxinación causou irritación nos deputados do Bloque Nacionalista Galego, que reclamaron a fin das deputacións provinciais e a devolución das competencias á administración local. Xosé Ferreiro censurou o escaso tempo que tiveron para avaliar a proposta do grupo socialista, que recibiron o mércores pasado. “Está moi ben que pidan a colaboración, pero teñen que permitir que aportemos ideas”. As enmendas deste grupo non prosperaron pola negativa do Partido Socialista, por ter recurso a un remanente que será unha incógnita “ata febreiro ou marzo”, e que comprometeron para ampliar o Plan Único. 

O voceiro nacionalista advertiu que a análise dos orzamentos era “aínda máis dificultosa” polos “pozos escuros” nas diferentes partidas, vagamente especificadas polo goberno provincial. “Volvemos a ter un orzamento onde non se sabe para onde van os cartos […], non vemos posibilidade de defender os intereses dos nosos votantes”. Ferreiro defendeu a postura “lexítima” do Bloque como consecuencia dun proxecto “que nin cumpre os acordos anteriores nin contempla partidas para os acordos que seguen sen dotación”.

Dende a fronte nacionalista aseguran que é un “sinsentido” que a Deputación tente abrir e xestionar todas as residencias programadas; segundo Ferreiro, a institución provincial “non pode soster” eses centros sen a implicación da Xunta de Galicia. Por outra banda, o deputado do BNG entende que “non hai un proxecto global, non hai rumbo nin a onde chegar”, aspecto no que coincidiu coas valoracións de Candia. O deputado non adscrito, Manuel Martínez, rexeitou a “distribución subxectiva” e as “irregularidades” na presentación dos orzamentos, que, aseverou, son “iguais” aos de 2016.

Manuel Martínez | Óscar Bernárdez
Manuel Martínez | Óscar Bernárdez

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here