InicioMedioambiente e PatrimonioA dramática influencia do eucalipto sobre a biodiversidade, en cifras

A dramática influencia do eucalipto sobre a biodiversidade, en cifras

Investigadores da USC constatan a enorme diferencia en biodiversidade entre os bosques de eucalipto e as carballeiras

PUBLICADA O

- Advertisement -

GALICIACONFIDENCIAL | A ciencia segue aportando probas dos males medioambientais que causa a invasión do eucalipto en Galicia. Un dos últimos estudos demostra que nas zonas dominadas por eucaliptais hai menos diversidade de especies de plantas e menos variedade e abundancia de aves que nos terreos nos que o rei é o carballo.

Científicos dos departamentos de Bioloxía Funcional e Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela asinan un estudo sobre a diversidade de plantas e a diversidade e abundancia de aves en catro eucaliptais e outros tantos bosques de carballo nunha área de 455 quilómetros cadrados na provincia de Pontevedra.

Os investigadores quixeron responder dúas cuestións básicas: Que cambios estacionais se dan nas comunidades de aves que ocupan os eucaliptais, en comparación cos bosques nativos? É a diversidade de plantas e aves afectada da mesma maneira polas plantacións de eucaliptos? Segundo os científicos, até ahora non se publicara ningún estudo que aborde estas cuestións, que consideran importante resolver no contexto do manexo das especies exóticas, como parte substancial da perda de diversidade debida ao cambio global, dado o incremento constante da superficie ocupada polos eucaliptos.

O que fixeron foi comparar a riqueza de flora e as comunidades de aves entre bosques de  carballo (Quercus robur) e de eucalipto (Eucalyptus globulus) da provincia de Pontevedra, nos concellos de Moraña, Campo Lameiro, Cerdedo–Cotobade, Ponte Caldelas e Pazos de Borbén. Das masas analizadas no estudo, dúas plantacións de eucaliptais arderon completamente no ano 2017, despois de realizarse as análises: a de Moscoso e a de Pé da Moa.

Bosque de eucalipto | Ekaternivor
Bosque de eucalipto | Ekaternivor

Os resultados indican que o número total de especies de plantas no conxunto das carballeiras foi moi superior ao presente nos eucaliptais: 98 vs 53. A diversidade na carballeira con menos especies (52) resultou moi superior ao eucaliptal máis diverso (33 especies).

Nas plantacións de eucalipto identificaron até 17 especies de aves, moi por baixo das 30 atopadas nas carballeiras. O número medio de especies de aves nos eucaliptais na estación máis favorable, a primavera, foi de 3,25, cifra moi inferior ao valor atopado na estación menos favorable nas carballeiras, o inverno, con 7,75 especies.

En calquera das estacións do ano, os valores de diversidade de aves foron sempre netamente máis altos nas carballeiras que nos eucaliptais. En concreto, a abundancia media de aves resultou entre 4 e 10 veces menor nos eucaliptais que nas carballeiras ao longo de todo o ano, cos valores medios máis altos ao redor de 20 aves por cada 10 hectáreas nos primeiros e por enriba das 100 aves por cada 10 hectáreas nas segundas.

O estudo tamén salienta que no 31% dos censos realizados nos eucaliptais atopouse unicamente unha soa especie e en dúas ocasións, ningunha. Pola contra, 15 especies de aves atopáronse exclusivamente nas carballeiras.

Os resultados levan ademais a concluír que os bosques con maior diversidade de plantas son tamén os de maior diversidade de aves.

O estudo, titulado ‘Biodiversidad en plantaciones de eucalipto y en robledales del sur de Galicia: plantas y aves’, é a última achega incluída no volume 25 da revista Nova Acta Científica Compostelana-Bioloxía, editada pola Universidade de Santiago, do que Galicia Confidencial xa adiantou os resultados doutros dous estudos: un dedicado á extraordinaria singularidade e resistencia da poboación de carballo anano que sobrevive no Monte Pindo, único lugar de Galicia onde se atopa o Quercus lusitanica e que marca o seu punto máis setentrional no mundo, pero ameazado polos incendios e plantas invasoras; e outro coa cartografía actualizada das áreas afectadas por incendios forestais en Galicia a partir dos datos dun sensor da NASA.

A ameaza do cambio climático para a supervivencia do carballo

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...