InicioMedioambiente e PatrimonioA ameaza do cambio climático para a supervivencia do carballo

A ameaza do cambio climático para a supervivencia do carballo

Esta árbore emblemática de Galicia arrostrará as consecuencias dos eventos extremos e os cambios de temperatura e precipitacións

PUBLICADA O

- Advertisement -

Ignacio García González leva investigando dende o século pasado a resposta das árbores perante as alteracións no clima. Experto en dendrocronoloxía, a relación entre a cronoloxía climática e o desenvolvemento das diferentes especies arbóreas, o profesor da Escola Politécnica Superior do Campus Terra explicou durante o DivulgaTerra os perigos relacionados co cambio climático que afrontará o carballo, de enorme importancia natural e cultural en Galicia.

Os estudos xiran arredor de dúas especies: o quercus robur, o carballo típico galego e de ampla presenza na linde atlántica, e o quercus pyrenaica, comunmente referido por rebolo, típico da Península Ibérica e máis propio das zonas con clima mediterráneo. En Galicia, o rebolo aparece con frecuencia na provincia de Ourense e no Baixo Miño.

Para levar a cabo a investigación, o profesor García González emprega a xiloxénese, o estudo da formación da madeira, a dendrocronoloxía, que permite rexistros de máis de medio século de cambios no clima, e a anatomía cuantitativa, que aporta máis información a través da observación dos vasos do carballo.

Ignacio García González, profesor de Botánica na Escola Técnica Superior do Campus de Lugo | Óscar Bernárdez
Ignacio García González, profesor de Botánica na Escola Técnica Superior do Campus de Lugo | Óscar Bernárdez

Cómpre entender o ciclo anual das árbores, que realizan a fotosíntese e acumulan durante as estacións cálidas, e respiran durante o inverno, esgotando as reservas. Un saldo positivo na acumulación permite crear os vasos e as follas durante a primavera. Os principais límites para o crecimento son a escaseza de auga durante o verán, as temperaturas na estación máis fría, e dependendo da zona, o réxime de manexo forestal que vertebra o hábitat.

Malia que existen certezas sobre a resistencia do carballo fronte ao cambio climático, a veloz alteración do clima global pode afectar á abundancia e o equilibrio entre especies. O tempo máis seco terá un impacto máis visible no quercus robur, mentres que os cambios na estacionalidade das choivas prexudicarán ao quercus pyrenaica, que florece máis tarde e sofre coas altas precipitacións invernais.

As diferenzas no comportamento destas dúas especies determinarán a súa supervivencia fronte aos eventos climáticos extremos, o aumento da temperatura media e a irregular distribución da choiva, con secas máis frecuentes. Neste senso, o rebolo é máis conservador, o que limita a súa expansión en condicións favorábeis, aínda que aumentando a súa capacidade de supervivencia.

Pola contra, o carballo asume máis riscos ao longo do seu ciclo vital. Isto implica que o quercus robur pode perecer cando as condicións son desfavorábeis, polo que a poboación desta especie tipicamente atlántica podería minguar e ceder a súa condición de árbore predominante nas fragas galegas.

O profesor Ignacio García González volverá a participar no DivulgaTerra o 29 de novembro, día adicado ás artes, humanidades e ciencias sociais. A ocasión servirá para profundizar no coñecemento dos grandes eventos climáticos a través dos aneis das árbores.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...