O plan do Concello para o edificio demostrador Impulso Verde

O goberno local estuda trasladar ao edificio demostrador a oficina de Evislusa e un posto dobre de administración electrónica

O Concello de Lugo estuda trasladar parte da administración ao edificio Impulso Verde. Na imaxe, a alcaldesa Lara Méndez | Óscar Bernárdez
A alcaldesa Lara Méndez | Óscar Bernárdez

O edificio público Impulso Verde, un demostrador tecnolóxico que situará a Lugo na vangarda do modelo produtivo da madeira, estará operativo previsiblemente a finais de 2019. Con catro alturas e arredor de 650 metros cadrados, contará con espazos de uso ocasional e outros adicados á actividade regular. E no Concello planifican xa como aproveitar a situación e o carácter da pioneira estrutura.

O Impulso Verde será erixido na confluencia da avenida Paulo Fabio Máximo e a avenida Duquesa de Lugo, que será desdobrada. A zona está flanqueada polo centro comercial das Termas, unha área verde, o parque industrial e a parte rural do barrio das Gándaras. O proxecto europeo LIFE Lugo + Biodinámico, do que o edificio demostrador será a pedra angular, opera no sector a través dos hortos urbanos experimentais e levou a cabo a plantación de quince mil árbores de bosque de ribeira.

Desenvolvemento urbano

No Concello queren aproveitar o chan urbanizable para converter o Impulso Verde nun polo de desenvolvemento urbano no cuadrante norte de Lugo, reorientando a creación de vivendas dende os barrios saturados e mal planificados no plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de 1991, que esperan poder ir corrixindo co tempo.  Por iso, a primeira funcionalidade do edificio será a de ofrecer dous postos de administración electrónica, para que non sexa obrigado acudir ao centro da cidade para as xestións.

Por outra banda, o Impulso Verde disporá dun lugar de colaboración para empresas vencelladas á economía sostible e de exposición do proxecto LIFE, unha aula educativa, un xardín interior, zona de ocio e terraza. O Concello quere que a parte destinada á administración inclúa a nova oficina da empresa municipal de vivenda, Evislusa, que conta con cinco empregados.

Enerxía renovable

Nestes momentos, estase a preparar a modificación dos estatutos de Evislusa para que asuma a función de comercializadora municipal de enerxía, obxectivo ratificado no pleno. De aí a importancia simbólica de quedar ubicada no Impulso Verde, o primeiro edificio público de estrutura integramente en madeira, con paneis fotovoltaicos e solucións pasivas e activas para un balance enerxético neutro.

Entre outras solucións, o poliedro deseñado polo equipo PEMADE do Campus Terra en colaboración coa Universidad Politécnica de Madrid permite empregar entradas diferentes en función do uso en cada intre, pechando as seccións baleiras. O interior quedará dividido entre un colchón térmico, un espazo protexido e outro espazo de regulación, que replantexa a idea da galería tradicional. As estratexias pasivas combinan a orientación, a protección solar, a ventilación natural e a enerxía térmica no forxado para unha estrutura compacta, illada e de demanda enerxética mínima.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here