Medindo no Veral a saúde do mexillón de río, un filtrador esencial en perigo

ADEGA colaborou coa Aula da Natureza do Veral para repasar o hábitat e a conservación do mexillón de río, especie en perigo de extinción

Río Mera na contorna do Veral | Miguel Conde
Río Mera na contorna do Veral | Miguel Conde

A Aula da Natureza érguese dende hai vinte e catro anos sobre unha insua do río Mera, tributario do Miño. Dende hai dous anos abre en todas as épocas do ano, o que posibilitou a colaboración coa Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) para un novo roteiro da xeira adicada ás especies en perigo de extinción, neste caso o mexilón de río. Desta experiencia dá conta Miguel Conde, quen exerceu de guía. 

A Aula da Natureza do Veral

A Aula da Natureza do Veral forma parte dun grupo de aulas da Xunta de Galicia ao longo do territorio. A meirande parte pertencen á rede de Parques Naturais: Corrubedo, Monte Aloia, Eume, Enciña da Lastra e O Invernadeiro. Outras tres están fóra da rede, sendo A Siradella, O Courel e a do Veral. O espazo que corresponde a esta última é a Reserva da Biosfera Terras do Miño, unha categoría internacional á parte, enfocada cara a planificación do territorio e as actividades de interrelación entre a natureza e os humanos.

A Aula da Natureza do Veral encárgase dese cometido nun espazo particular, xunto a unhas instalacións de titularidade autonómica. O complexo comprende por unha banda o Centro Ictioxénico, coñecido pola cría e reintrodución de troitas e salmóns que foron desaparecendo dos ríos galegos pola construción de encoros, ademais de repoboar coellos e perdices; e por outra banda, o Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe da Provincia de Lugo, para os animais que aparecen feridos.

Recuperando o mexilón de río

Miguel Conde

No Centro Ictioxénico traballa un equipo de biólogos da Universidade de Santiago de Compostela para a cría en laboratorio de mexillón de río. A especie experimenta varios problemas de conservación relacionados coa destrución dos hábitats e a contaminación das augas fluviais. Os ensaios sobre a reprodución do mexillón de río procuran evitar a súa desaparición e devolvelo ao seu ciclo de vida natural.

A primeira parte da actividade consistiu nun faladoiro impartido por unha das integrantes do equipo investigador. En Galicia, o maior inimigo do mexillón de río foi precisamente a xestión das concas durante os últimos oitenta anos, protagonizados pola construción dos encoros. Estas alteracións nos cursos fluviais supuxeron a destrución das zonas nas que habita, así como a disrupción do cliclo vital deste molusco, vencellado á actividade de troitas e salmóns.

Este caso paradigmático de simbiose débese ao carácter migratorio dos salmónidos, que as larvas de mexillón de río empregan para salvar grandes distancias e propagarse. O problema é que os encoros impiden ao salmón criar en moitas partes do Miño, polo que na actualidade os exemplares de bivalvos que poden atoparse nos afluentes son de moita idade.

Miguel Conde

Sen estes peixes idóneos, afectados polas barreiras artificiais, a contaminación e a sobrepesca, a reprodución do mexillón queda comprometida. Os que quedan son os adultos máis vellos desta especie, que pode acadar os cento sesenta e sete anos, aínda que en Galicia é complicado que superen os setenta.

O mexillón depende asemade da calidade da auga, polo que é máis sinxelo atopalo no Eo, no Tambre, no Ulla e os seus afluentes, no Mandeo, e na provincia de Lugo o propio Miño, o Narla e o Neira. Hai diferentes especies de molusco autóctonas, arredor de vinte –algunhas delas introducidas por accidente–, o que converte a Galicia nunha reserva privilexiada deste grupo. De ter éxito, o laboratorio e piscifactoría do Veral servirá para reintroducir o hospedador e mailo comensal.

A continuación, os asistentes comprobaron in situ a saúde do hábitat do mexillón de río no Mera. O alto caudal, polas choivas das últimas semanas, así coma o foliaxe do outono, impediron revisar o fondo na procura dalgún exemplar. Si que puideron ver cunchas que gardan na Aula da Natureza.

A saúde da bacía hidrográfica

Miguel Conde

Como relata Miguel Conde, o monte galego vive constantes cambios, polo que hai novas positivas e negativas. Ao longo da andaina polo val do Mera pasaron por bosque de ribeira en recuperación, carballeiras que alternan cun uso compatible coma é a gandería. Outras zonas de menor interese natural sofren gandería intensiva. Nestes bosques hai unha variada comunidade de mamíferos: atoparon pegadas de porco teixo, raposo, restos de actividade de esquío e de mustélidos.

A xornada, morna e cunha espectacular paisaxe de bosque caducifolio, levou a este grupo de vinte e seis persoas por quince quilómetros, nos que pasaron por un muíño no Mera, a igrexa de San Vicente do Burgo, a capela de Samertolameu, e a igrexa de San Xoán do Alto, templo construído durante as primeiras peregrinacións a Compostela. Este roteiro circular de quince quilómetros tivo como punto de partida a Aula da Natureza, a apenas oito quilómetros de Lugo, e compartiu parte do traxecto coa Ruta das Chousas.

Esta actividade de ADEGA recolle a experiencia da Aula da Natureza, que realiza numerosas actividades de balde, especialmente durante a primavera e o outono, por exemplo a andaina ata os petróglifos de Adai, ou diferentes rutas a pé polo Mera. O centro conta con documentos informativos dos diferentes roteiros, e atende a colexios e todo tipo de grupos, asociacións ou particulares, que queren coñecer as características da contorna ou un paseo guiado polo Veral.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here