InicioEconomíaCésar Dorado, presidente de ACRUGA: “Hoxe somos coñecidos en todo o mundo”

César Dorado, presidente de ACRUGA: “Hoxe somos coñecidos en todo o mundo”

ACRUGA celebrou cincuenta anos de traballo a prol da vaca rubia galega con mil cen convidados no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

Mil cen convidados, case un cento de autoridades, entre elas, alcaldes de media provincia. A típica xuntanza gandeira, nun magno formato para festexar o medio século de vida de ACRUGA, a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega, encargada de mellorar e xestionar a xenética deste símbolo da paisaxe galega, especialmente en Lugo, de onde procede a inmensa maioría dos mil novecentos socios. César Dorado Pin, presidente da xunta directiva, responde ao Lugo Xornal.

Cincuenta anos para celebrar, e tamén para recordar.

Teño que recordar ao primeiro presidente, don Ricardo Pérez Rosón, que dende 1968 ata o 2005 foi quen dirixiu ACRUGA. E tamén quero recordar a outra persoa, que traballou toda a vida para a xenética rubia, don Luciano Sánchez, asesor veterinario que estivo corenta e cinco anos, ata que se foi, ata que faleceu.

Vostede é presidente de ACRUGA dende 2005, despois da marcha de Rosón. Como valora esta década longa?

Foi un tempo de moito traballo, pero con moitas ganas, no que co equipo de ACRUGA e os gandeiros fomos mellorando moito a raza, tanto en calidade de carne coma en animais vivos. Hoxe somos unha asociación coñecida por todo o mundo, exportamos seme a moitos países, incluso a Indonesia. Estamos en catro continentes, sendo o principal destino Brasil. En Brasil comezamos no 2002, e logo foise expandindo a exportación de seme a Europa, primeiros contactos en África, algo en Estados Unidos. Pero sobre todo en Sudamérica.

A exportación no gando é moi lenta, porque cando inseminan ás vacas, tardan nove meses en parir. Dende que paren, hai que ver os resultados dos tenreiros, son outros nove meses alomenos. Así que vai pouco a pouco, ata que os gandeiros ven as vantaxes que ten inseminar as vacas propias con rubia galega. O cruce industrial é moi importante en Brasil, onde inseminan cada ano 130.000 vacas Nelore –a autóctona– con rubia galega. Demostrouse que o cruce coa rubia galega xera maior produción cárnica que con calquera outra raza. Agora con menos tempo conseguen máis peso.

A selección e a recría foron moi importantes para saír da crise.

A expansión da rubia galega hai que agradecerlla ao Ministerio de Agricultura, á Xunta de Galicia polo apoio que está dando, e hai que agradecer á Deputación de Lugo un apoio moi importante onde os gandeiros compramos as novillas, e con nove meses as metemos no centro de recría, onde a Deputación as coida; e unha vez preñadas, vendémolas en subastas ou ben alí a gandeiros que as precisan.

Iso é moi importante na rubia galega, porque se o gandeiro non ten onde comprar esta raza, recorre a outras. O centro de recría da Granxa Gaioso-Castro [en Castro] é unha das bases máis importantes.

Son agora 1.900 socios criadores en toda España. Como evolucionou nos últimos tempos, e cales son as perspectivas?

Mantense máis ou menos igual. O ano pasado houbo 64 incorporacións, pero claro, non hai relevo xeracional e hai xente que deixa de traballar. Por iso vaise estabilizando. Dos mil novecentos criadores, case mil oitocentos están en Galicia, e deses, uns mil setecentos en Lugo.

Este foi o primeiro ano en que colaboraron na promoción da gastronomía de Lugo na Vuelta a España. Como valoran a experiencia?

Sempre é positivo participar e dar a coñecer a nosa carne.

Cheché Real: “A xente sorpréndese do tipo de degustación que facemos na Vuelta”

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...

A muller de Lugo que denunciou á súa ex parella declara que tentaba forzala “todas as noites”

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este xoves o xuízo contra un home de...